O LG G2 revoluciona o deseño dos móbiles colocando os botóns na súa parte traseira

mércores, 7 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Tras unha longa espera, o anticipado LG G2 ve finalmente a luz, como o móbil insignia que busca dar ao seu fabricante relevancia nun mercado de móbiles con Android dominado por Samsung, para o que compoñen un dispositivo moi completo en todos os seus aspectos, que pode converterse en todo un referente do sector, aínda que o seu tamaño fai que non sexa o axeitado para todos os usuarios.
O LG G2 é o primeiro móbil da nova familia G, que aparca a un lado o apelido Optimus, e para dalo a coñecer escolleuse a Casa do Jazz do Lincoln Center en New York, onde o presidente e director xeral da división móbil de LG, o Dr. Jong-seok Park, amosou o novo dispositivo ante preto de 700 convidados de máis de 30 países, así como milleiros de espectadores que puideron seguir o evento en directo a través de YouTube.
Estamos ante un smartphone con Android 4.2.2, cun procesador Qualcomm Snapdragon 800 de catro núcleos a 2,26 GHz, 2 Gb de RAM, 16/32 Gb de almacenamento interno, unha grande pantalla IPS de 5,2 polgadas cunha resolución de 1.080 x 1.920 píxeles, cámara traseira de 13 Mpíxeles con estabilizador óptico de imaxe e cámara frontal de 2,1 Mpíxeles, unha xenerosa batería de 3.000 mAh e, todo iso, nun grosor de só 8,9 milímetros.
Para facer destacar a este móbil non só introduciron a mencionada estabilización óptica de imaxe na súa cámara (como xa fixera no seu día o Nokia Lumia 920), senón que tamén inclúen modos de disparo avanzados na cámara, un sistema de son de alta calidade que presume de alta fidelidade (mentres que durante as chamadas tamén conta con cancelación de ruído no micrófono), unha batería de grande densidade e eficiencia que en combinación co tipo de memoria empregada no móbil (GRAM) consegue unha autonomía moi boa, un modo de uso para usuarios convidados (que lembra ao Rincón Infantil de Windows Phone 8), zoom de audio durante as gravacións de vídeo, un sistema de ligazóns de texto para facilitar o traslado de información entre aplicacións, a posibilidade de desbloquear o móbil cun par de toques na súa pantalla, un modo que permite capturar páxinas web enteiras como imaxes (como un xeito atractivo de gardar artigos, receitas e outros tipos de documentos para a súa consulta ou impresión posterior) e, moi especialmente, destaca por eliminar os botóns laterais que teñen normalmente os móbiles para colocar o seu botón na parte traseira, posición que entenden que é máis cómoda nun móbil destas dimensións, nas que agarrar o dispositivo no seu ancho total non sempre resulta cómodo. Podemos ver esta última prestación no seguinte vídeo:

PUBLICIDADE