O LG Flatron W2252TE aforra un 45% de consumo enerxético

venres, 13 de xuño do 2008 Marcus Fernández

O fabricante surcoreano LG anuncia o que consideran que é o monitor LCD máis ecolóxico do mundo, pois o Flatron W2252TE é un monitor de 22 polgadas que precisa 40 vatios menos para funcionar que outras pantallas semellantes, conseguindo un aforro de enerxía dun 45%. O novo monitor chegará ao mercado británico en agosto.
Os dispositivos de maior eficiencia enerxético teñen unha dobre vantaxe: xeran menos emisións de dióxido de carbono e supoñen un aforro de corrente (polo que tamén son máis económicos a longo prazo).
Neste momento o camiño verde que están a buscar os fabricantes de electrónica de consumo vai dirixido a un reducido consumo, polo que a aposta pola redución de produtos químicos tóxicos ou o uso de materiais biodegradables aínda é minoritaria, aínda que xa existen prototipos que empregan cubertas de bambú en substitución ao plástico que cada día se ve con peores ollos na informática doméstica.

PUBLICIDADE