O Kindle Paperwhite estrea resistencia á auga

martes, 16 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Os lectores de libros electrónicos de Amazon son os grandes referentes do mercado, e o produto máis popular da familia o Kindle Paperwhite, que vén de renovarse, de xeito que a partires do 7 de novembro estaría dispoñible co dobre de almacenamento interno e cunha característica que para moitos resulta especialmente atractiva: resistencia á auga.
Dado que os Kindle son produtos que é habitual levar á praia ou á piscina, principalmente porque as pantallas de tinta electrónica permiten a lectura baixo a luz do sol (algo que non permiten as tabletas), que conte con resistencia IPX8 fai que poidan levarse con certa seguridade preto da auga ou incluso para os máis relaxados que queren ler na bañeira.
O novo Kindle Paperwhite parte dun prezo de 129,99 euros para a súa versión con 8 Gb de almacenamento, conectividade Wi-Fi e ofertas especiais, mentres que a versión máis cara, con 4G de balde, 32 GB de almacenamento e sen ofertas especiais chega aos 229,99 euros.
Lembremos que o Kindle Paperwhite é un lector de libros electrónicos con pantalla táctil de 6 polgadas cunha resolución de 300 puntos por polgada con iluminación integrada (5 LED), un tamaño de 167 x 116 x 8,2 milímetros, 182-191 gramos de peso e unha batería que dura semanas cunha única carga.

PUBLICIDADE