O Instituto Tecnolóxico de Galicia impulsa o primeiro voo de dron aerotaxi en España

martes, 4 de outubro do 2022 S. P.

O Instituto Tecnolóxico de Galicia representou nas instalacións do Centro de Investigación Aeroportada (CIAR) en Rozas, Castro de Rei (Lugo) o que sería o primeiro voo dun dron-aerotaxi en territorio español. O aparello despegou equipado coa solución tecnolóxica de xestión de tráfico aéreo urbano do ITG: a plataforma AIRUS, destinada á integración eficiente e segura de drons en vilas e cidades e froito da UMI (Unidade Mixta de Investigación) formada por ITG e NTT DATA, co apoio da Xunta (Axencia Galega de Innovación, GAIN). A demostración nas Rozas abeirouse ao proxecto europeo AMU-LED, que busca avanzar na integración segura dos vehículos aéreos non tripulados en contornas urbanas.
“Esta integración”, sinala o ITG, “será clave para a democratización dos servizos de mobilidade aérea urbana no futuro, xa que permitirá habilitar aerovías urbanas baixo demanda e en tempo real”. O instituto tamén explica que este software “incorpora os últimos avances en enxeñaría de tráfico de drons para proporcionar funcionalidades ao centro de xestión como a identificación e o rexistro de drons, o xeoposicionamiento, a resolución de conflitos de plans de voo, o seguimento e a monitoraxe do voo, a información de tráfico, a interface con ATC (controlador tráfico aéreo), a xestión de emerxencias, a información aeronáutica precisa, etc”. Estes elementos dan como resultado “unha tecnoloxía con alto nivel de intelixencia, seguridade, automatización e dixitalización, elementos que permiten tráfico de drons en escenarios complexos, onde a vixilancia é obrigatoria, por exemplo con voos que se realizan máis aló do alcance visual do piloto, en contornas aeroportuarias, en espazos aéreos de alta densidade de tráfico, en áreas urbanas ou noutras infraestruturas críticas”, engaden o ITG e NTT Data.
Respecto do vehículo mostrado nas Rozas, tratouse dun dron EH216, en palabras das dúas empresas devanditas o aparello AAV (siglas en inglés de Vehículo Aéreo Autónomo) “máis avanzado do mundo”. Segundo salientan o ITG e NTT Data, trátase dun trebello completamente autónomo que pode transportar até 250 quilogramos, suficiente para transportar dúas persoas ao longo de 35 quilogramos. A aeronave, que pode alcanzar os 130 km/h de velocidade, é impulsada con enerxía eléctrica que se recarga a través dunha fonte de alimentación de 220V ou 380V nunha hora como máximo. Xa ten acumulados 20.000 voos, 10.000 horas de viaxe e máis o transporte de 1.600 persoas, en doce países. O seu fabricante, EHang, é un referente mundial en tecnoloxía AAV e participa en números proxectos da UE para o desenvolvemento da Mobilidade Aérea Urbana (UAM) con socios tecnolóxicos europeos, como o ITG, entre outros. No transcurso das probas que tiveron lugar en Rozas, o aerotaxi realizou 4 campañas de voo, combinando tráfico de drons lixeiros simulado que permitiron demostrar a capacidade do sistema AIRUS para reaccionar en tempo real a diferentes continxencias, como desvíos do plan de voo, obstáculos en pista e zonas restrinxidas no aire.

PUBLICIDADE