O Instituto Tecnolóxico de Galicia convértese en obradoiro de servizos avanzados para drons

martes, 13 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

O Instituto Tecnolóxico de Galicia, o ITG, vén de pór en marcha unha infraestrutura tecnolóxica de alto valor engadido para o fornecemento de servizos avanzados de UAV (vehículos aéreos non tripulados, polas súas siglas en inglés), servizos propios ou alleos en colaboración con entidades e empresas. Trátase de UAVLab, laboratorio-obradoiro de experimentación e desenvolvemento cuxo obxectivo, en última instancia, é impulsar a competitividade e a innovación do sector na nosa terra. A Axencia Galega de Innovación (GAIN), a través de fondos europeos FEDER, co-financiou a materialización do proxecto.
En concreto, UAVlab achega melloras ao ámbito dron nun amplo abano de vertentes: procesado de imaxe e análise de datos; deseño e desenvolvemento de sistemas de mantemento previsor para operacións autónomas de drons; creación de aplicacións para o segmento terra (GCS, móbil, PC), autopilotos e outros sistemas necesarios; servizos avanzados para o deseño e integración de hardware de control de voo e, en xeral, posta a punto de sistemas aéreos non tripulados, mediante infraestrutura avanzada de previsión meteorolóxica de precisión e en tempo real, sistemas de posicionamento preciso, etc.
Iniciada en 2018, a infraestrutura de UAVlab foi empregada con éxito en proxectos con clientes e colaboradores estratéxicos do Instituto Tecnolóxico de Galicia. O pasado mes de xullo, UAVLab habilitouse para ensaios pioneiros en campo liderados por Enaire e Everis. O proxecto, dende o seu inicio a finais de 2018, empregouse noutros proxectos de I+D do ITG, con empresas como Indra, SDLE ou a galega Balidea Consulting. Segundo informa o instituto coruñés, o plan de explotación contempla un medre no volume de servizos avanzados, propios ou en colaboración con empresas e entidades, en paralelo co desenvolvemento do mercado de aplicacións baseadas en drons.
O director xeral de ITG, Carlos Calvo, salienta o que representa o proxecto para un sector en clara proxección: “A entrada en vigor da nova lexislación para vehículos aéreos non tripulados supón un chimpo cualitativo no tipo de traballos que se poden levar a cabo; de feito, espérase que este ano se disparen traballos como a vixilancia nocturna ou servizos en zonas poboadas”. Segundo advirte, malia que está pendente un meirande regulamento da oferta e a demanda (hai un exceso de operadores cualificados para traballos sinxelos mentres que as tarefas de maior complexidade comezan a demandarse máis), os alicerces para o despegue definitivo do mercado están sentados.
ITG, referente
No ámbito dos drons, o ITG salientou o seu papel de “pioneiro” ao ser o primeiro centro tecnolóxico en Galicia recoñecido por a AESA como operador nacional de UAV con control remoto (RPA). Amais, o instituto é colaborador da Xunta de Galicia na Civil UAVs Initiative, a iniciativa autonómica para crear un polo de referencia internacional no ámbito aeroespacial en Galicia, no que o ITG co-impulsa a unidade mixta Fastfly, centrada en dotar os vehículos aéreos non tripulados de maior autonomía respecto da ofrecida polas solucións comerciais actuais, “o que permite voar ao aparello en escenarios civís onde as distancias son maiores e onde as operacións son máis complexas e/ou repetitivas”, informa o centro coruñés de I+D.

PUBLICIDADE