O Igape xestiona contactos entre empresas TIC galegas e israelís para favorecer oportunidades de negocio

luns, 11 de xuño do 2012 Raquel Noya

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, co director xeral do Igape, Javier Aguilera. Fotografía de Conchi Paz. Durante o pasado mes de maio, varias empresas galegas do sector das novas tecnoloxías, o téxtil ou a construción, entre outros, tiveron a oportunidade de viaxar ata Israel para encontrarse con empresas de cadanseus sectores nese país, e ter así a posibilidade de poñer en marcha novos negocios e expandir as súas firmas alén das nosas fronteiras.
Esta iniciativa, que levaba por nome Maio de Galicia en Israel, foi posible grazas á Consellaría de Economía e Industria, que a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) xestionou os contactos no mercado israelí para facilitarlle ás empresas participantes posibles oportunidades de negocio ou alianza estratéxica nese país.
Máis polo miúdo, o Igape achegoulles ás empresas galegas asistencia técnica previa e asistencia en destino, e mantén arestora un labor de seguimento que ten como obxectivo favorecer que os contactos establecidos “dean froito e se reflicta na posta en marcha de novos negocios”, aseguran.
A actividade desenvolvida nas feiras internacionais celebradas en Tel Aviv durante a visita en maio, permítelle agora á Consellería de Economía e Industria establecer contacto con compañías interesadas en avaliar posibilidades de investimento aquí en Galicia.
Ao mesmo tempo, o Instituto traballa na busca de empresas galegas interesadas en facer negocios cos grupos empresariais contactados polo Igape en Israel, en sectores como as TIC, o téxtil, a fabricación de plásticos, a construción ou as conservas, entre outros.
Deste xeito, a Consellería que dirixe Javier Guerra presta un servizo engadido de seguimento que completa o traballo de apoio prestado ás empresas galegas que participaron neste encontro, como Galchimia, Telecon Galicia, Teaxul, Cultivos Casaíta ou UtilVigo.
Agora o punto de mira está na apertura de vías de colaboración tanto institucional como empresarial con Israel, país que, segundo informou Aguilera, “destaca polo seu potencial innovador”.

PUBLICIDADE