O ITMATI desenvolveu 60 proxectos dende a súa posta en funcionamento

martes, 31 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

O Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), con sede no Campus Vida da USC, vén de facer reconto do acadado en 2017 e, por extensión, dos logros obtidos dende a súa posta en marcha (en 2013 da man das nosas tres universidades). Segundo informou a súa directora, Peregrina Quintela, catedrática de Matemática Aplicada da USC, o ITMATI conta a día de cun equipo humano de máis de 100 persoas e foi quen de desenvolver, dende os seus inicios, 60 proxectos nos máis variados sectores: enerxía, motor, materiais, informática e telecomunicacións, aeronáutica, loxística ou medio ambiente.
No que se refire aos números propiamente ditos, a cifra de negocio de ITMATI ascende aos 4.502.120,35 euros. Ademais, en 2017 obtivo unha facturación (sen IVE) de 1.585.513,83 euros, da cal o 89,37% foi captada a través de contratos e proxectos competitivos de transferencia, cun incremento de ingresos con respecto ao ano 2016 dun 41,91%. Segundo se explica no informe, os resultados económicos do centro indican “que será auto-sustentábel a medio prazo”, de xeito que o seu orzamento “chegue a basearse sobre todo no financiamento privado ou obtido a través de proxectos competitivos”.
Desde a súa constitución, o instituto puxo en marcha 61 contratos con empresas e entidades, entre os que se inclúen varios proxectos no marco de convocatorias FEDER Innterconecta, Conecta PEME, proxectos estratéxicos e PDI xestionados polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), un proxecto do Programa Estratéxico de Consorcios de Investigación Empresarial Nacional (CEN) xestionado por CDTI, proxectos competitivos, contratos directos con empresas, iniciativas en varias convocatorias do goberno noruegués, convenios de colaboración tecnolóxica con institucións e entidades, cursos de formación, unha unidade mixta de investigación con Repsol ao abeiro dunha convocatoria da Axencia Galega de Innovación e varios proxectos europeos no marco do programa H2020.
Todos estes contratos céntranse en tres grandes áreas de transferencia: simulación, estatística e Big Data (ferramentas de xestión e análise da información a gran escala). As solucións achegadas nestes tres ámbitos, sinala o ITMATI, “integran a tecnoloxía matemática máis innovadora e avanzada para contribuír de forma decisiva a xerar valor engadido en múltiples sectores de actividade económica”.

PUBLICIDADE