O ITG xunta máis de 200 profesionais para o primeiro Industry Day galego
mércores, 20 de marzo do 2019
A
nova sede nos Cantóns da Coruña do Instituto
Tecnolóxico da Coruña (ITG) acolleu esta mañá o primeiro
Industry Day de Galicia, un evento enmarcado na semana
internacional EU Industry Week que impulsa a Comisión Europea co
obxectivo de mostrar os desafíos industriais máis relevantes do
momento. No acto, no que participaron máis de 200 profesionais, o
conselleiro de Economía, Francisco Conde, lembrou a relevancia do
espírito innovador, que no caso galego permitiu, dixo, “que
esteamos á vangarda en sectores como o motor, os vehículos aéreos
non tripulados, o naval, o TIC (Tecnoloxías da Información e a
Comunicación) ou a biotecnoloxía”.
No
acto tamén interveu o presidente de ITG, Antonio Couceiro, quen
sinalou que “o evento de hoxe é reflexo da aposta do instituto
polo desenvolvemento da I+D+i galega, un esforzo que fixo posíbel,
xunto ao compromiso e a alta cualificación do equipo
multidisciplinar que forma parte do ITG, que nos situemos en Europa,
formando parte activa de proxectos innovadores nas áreas de I+D que
máis percorrido teñen neste momento”.
Óscar
Fafián, responsábel de Industria 4.0 e Internet das Cousas na
operadora R, falou sobre “a necesidade das industrias de dotarse
das tecnoloxías axeitadas para os procesos de transformación que xa
se están experimentando”.
Pola
súa banda, o director xeral da Cámara de Comercio da Coruña,
Gonzalo Ortiz, expuxo os obxectivos da Oficina de Promoción
Industrial local e a súa área de influencia, no marco do Plan de
Promoción Industrial, que promove a entidade cameral.
Os
contidos expostos nos dous bloques de relatorios da xornada viraron
ao redor da transformación dixital e tecnoloxías facilitadoras na
industria. Representantes de empresas de referencia expuxeron as súas
experiencias nas áreas de control de procesos, mantemento preditivo,
captura avanzada de datos, Big Data, Machine
Learning, visión artificial, realidade aumentada e
realidade virtual.
No
primeiro bloque, Liderando a transformación dixital na industria,
participaron representantes de Repsol, Navantia, o Clúster da
Automoción de Galicia (CEAGA) e o Ilustre Colexio Oficial de
Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG). O relatorio de Accenture
Strategy deu paso ao bloque Tecnoloxías facilitadoras, que
contou coa participación de representantes de Álava Ingenieros, o
Grupo ULMA, Material ConneXion Bilbao e a Asociación Española de
Mantemento.
EU
Industry WEEK
Entre
xaneiro e marzo de 2019, están a celebrarse eventos locais e de
portas abertas en toda Europa no marco da Semana da Industria da UE.
As temáticas xiran arredor de desafíos industriais clave como a
sustentabilidade, a dixitalización, o investimento e a
globalización.