O ITG presentará a súa spin-off Drone Solutions na feira internacional UAV-Show

luns, 18 de outubro do 2021 S. P.

O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) presentará a súa iniciativa innovadora empresarial ITG Drone Solutions na feira internacional UAV-Show, que se celebrará entre o 19 e o 21 de outubro en Bordeaux (Francia). Trátase da segunda spin-off do centro tecnolóxico, que xorde co obxectivo de “ofrecer solucións tecnolóxicas para o sector dos vehículos aéreos non tripulados e que dá resposta aos principais retos aos que se enfronta este mercado en auxe: a automatización e autonomía destes dispositivos”.
En concreto, ITG Drone Solutions comercializa dous produtos específicos froito da I+D realizada durante os últimos anos polos investigadores de ITG. Trátase de DroneSafeBox, un hangar robotizado dotado da tecnoloxía necesaria para realizar operacións autónomas, desatendidas e remotas; e o software DroneSuite, plataforma na nube que aglutina as ferramentas e utilidades necesarias para xestionar, operar e administrar a actividade diaria dun operador de vehículos aéreos non tripulados (UAV polas súas siglas en inglés) no nun escenario de alta densidade de voos que segundo prognostica o ITG é “ un escenario inminente”.
Hangar robotizado
DroneSafeBox é un hangar robotizado que funciona como punto de aterraxe, recarga e comprobación totalmente autónomo (cunha mínima intervención humana) permitindo operar en longas distancias ou durante períodos ininterrompidos 24×7.
Segundo informa o ITG, a súa localización en distintos puntos dun percorrido específico “permite dotar aos drons de meirande autonomía e intelixencia de voo, anticipándose á implementación da normativa europea que permite voos autónomos e máis aló da liña de vista do piloto (BVLOS)”. Seguindo este fío, o hangar achega grandes posibilidades para operativos en distancias maiores e meirande complexidade. Amais, o niño robotizado permite reducir os custos operativos e os tempos de despregamento grazas aos avances tecnolóxicos que incorpora nos ámbitos da navegación e aterraxe precisión (Visión Artificial a bordo e interfaz con autopiloto), a carga e xestión autónoma e intelixente de enerxía (electrónica a bordo e en hangar), a integración de cargas de pago (cámaras RGB, multi/hiperespectrais, etc.) e o software avanzado para control desde terra. Esta solución foi testada con éxito en simulacros realizados en colaboración coa Axencia Galega de Emerxencias e coa Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima, entre outros.
Xestión de voos en escenarios de alta densidade
A outra liña de traballo da spin-off do ITG é DroneSuite, unha tecnoloxía destinada a facilitar a xestión da actividade diaria dun operador de vehículos non tripulados nun escenario de alta densidade de voos de aeronaves non tripuladas como o que traerá o desenvolvemento do sector nos próximos anos e que permitirá a implementación do novo regulamento específico sobre a materia. “DroneSuite”, informa o instituto galego, “é unha plataforma baseada na nube con ferramentas e utilidades de software deseñadas para facilitar a xestión, operación e administración da actividade habitual dun operador de drons, permitindo automatizar tarefas de procesado e xerar resultados de forma eficaz cun alto valor engadido”.
Entre as funcionalidades que contempla esta plataforma atópase un módulo que se encarga da execución da operación; un xestor de frotas, que facilita o control e monitoraxe dos activos e persoal da empresa operadora, como pilotos e drons; o xestor de operacións, pensado para planificar e deseñar en oficina as operacións que levarán a cabo; o procesado de datos, onde se explota a información capturada, analizando e estudando os aspectos necesarios a través das diferentes ferramentas integradas na plataforma; a xeración de informes, presentación gráfica e documental dos resultados analizados e procesados en forma de informes e estatísticas; e un módulo de administración para a realización de diferentes tarefas xenéricas para o operador”.

PUBLICIDADE