O ITG organiza o primeiro Industry Day de Galicia

xoves, 14 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

O Instituto Tecnolóxico de Galicia vai organizar a semana vindeira e na súa sede da Coruña (o edificio da Fundación Barrié no Cantón Grande) unha gran xornada para celebrar as múltiples vertentes da transformación tecnolóxica da industria cara a modelos máis sustentábeis, eficientes, intelixentes e rendíbeis. Estamos a falar da estrea do Industry Day de Galicia, un evento que se enmarca na celebración internacional EU Industry Week impulsada pola Comisión Europea. A cita será o 20 de marzo, en horario da 10 a 14 horas, na nova sede do ITG no centro da Coruña.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde, inaugurará a celebración tecnolóxica, que conta, ademais, co apoio da operadora galega R, a Cámara de Comercio da Coruña e o Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia.
No transcurso do acto reuniranse empresas de referencia en Galicia, Madrid e Euskadi que explicarán a súa aposta por unha industria máis intelixente e sustentábel. Falarase de monitoraxe de procesos, mantemento preditivo, captura avanzada de datos, análise de información a gran escala (Big Data), aprendizaxe das máquinas (Machine Learning), visión artificial, realidade aumentada e realidade virtual.

PUBLICIDADE