O ITG impulsa unha rede de excelencia que integra a IA e as tecnoloxías cuánticas no sistema enerxético
luns, 9 de febreiro do 2026
O ITG, o Instituto Tecnolóxico de Galicia, impulsou o lanzamento oficial da Rede de Excelencia Cervera R5DES, unha iniciativa estratéxica orientada a abordar os grandes retos do sistema enerxético do futuro.
A rede, composta polo centro tecnolóxico valenciano ITE e os vascos Cidetec, Tekniker e Ikerlan, ademais de ITG, artéllase ao redor das cinco “d” que segundo fixo saber o ITG definirán a enerxía do mañá: dixital, distribuída, descarbonizada, descentralizada e dinámica. Isto, explicou o Instituto Tecnolóxico de Galicia, “traducirase en redes eléctricas máis resilientes, flexibles e adaptadas á demanda renovable.
Segundo Santiago Rodríguez Charlón, director da División de Enerxía de ITG, “a combinación de intelixencia artificial, dixitalización e novas tecnoloxías enerxéticas permítenos ofrecer ferramentas avanzadas que axudan aos nosos socios industriais e ás administracións públicas a tomar decisións baseadas en datos, mellorar a súa competitividade e reducir o seu impacto ambiental.”
Trátase, por tanto, de definir tecnoloxías para predicir o consumo, automatizar a rede e optimizar almacenamento e operación intelixente.
Os centros participantes compleméntanse en eidos como predición, automatización, control distribuído, almacenamento, dixitalización e operación intelixente de redes eléctricas.
ITG achega a súa experiencia en dixitalización enerxética e validación en contornas reais co obxectivo común de avanzar cara a infraestruturas enerxéticas máis resilientes, eficientes e adaptativas.
R5DES conta co apoio do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, a través do CDTI (Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación), baixo o selo Centro de Excelencia Cervera.
ITG é o centro tecnolóxico con maior puntuación técnica e maior volume de fondos captados na convocatoria estatal Cervera 2025. Con catro iniciativas estratéxicas aprobadas e 4 millóns de euros asignados para os próximos tres anos, ITG consolídase como un actor clave na I+D española. É, ademais, o único centro galego que coordina un consorcio estatal, reforzando o papel de Galicia no mapa tecnolóxico nacional.
A participación de ITG no programa Cervera articúlase, ademais de en R5DES, noutras 3 grandes liñas:
-Mobilidade autónoma multimodal, que recibiu a maior puntuación técnica de toda a convocatoria: 92,5/100. Centrada no desenvolvemento de sistemas capaces de operar de forma autónoma por aire, terra e mar, con aplicacións tanto civís como en defensa e seguridade.
-Intelixencia artificial para seguridade e defensa: desenvolvemento de solucións avanzadas para inspección, recoñecemento e xestión segura de datos en contornas críticas.
-Tecnoloxías cuánticas aplicadas a sectores estratéxicos: investigación en computación cuántica, IA e ciberseguridad avanzada, con impacto en enerxía, navegación e defensa.
