O ITG e Everis comparten con GAIN os seus avances en xestión de tráfico de drons

luns, 2 de novembro do 2020 S. P.

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, participou a semana pasada nas sesións demostrativas dos dous primeiros módulos da Unidade Mixta de Investigación AIRUS (Automatic Intelligent SeRvices for U-Space), promovida polo Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e a multinacional tecnolóxica Everis ADS, que ten como obxectivo facilitar a integración eficiente e segura dos drons no espazo aéreo, o coñecido como entorno U-Space.
A iniciativa, posta en marcha co apoio da Xunta en 2018, conta cun orzamento total de preto de 2,2 millóns de euros e é co-financiada nun 30% pola Administración autonómica a través do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Máis polo miúdo, os integrantes de Everis ADS e o ITG mostraron nas sesións o funcionamento e potencialidades da primeira versión da suite (paquete de aplicacións software) de microservizos de xestión de tráfico de vehículos non tripulados (UAV) de alto valor engadido, na que están a traballar 16 enxeñeiros de ambas as dúas entidades co fin de xestionar, “dun xeito seguro”, o tráfico deste tipo de aparellos.
Os módulos que se desenvolveron son un simulador/xerador de tráfico UTM (sistema de coordenadas universal) e unha plataforma web de xestión e provisión de información aeronáutica.
A directora de GAIN destacou que AIRUS súmase a outros proxectos que a Xunta está a levar a cabo no marco do Polo Aeroespacial de Galicia para “avanzar na xestión segura do tráfico aéreo”. Neste ámbito, destacou a colaboración con Boeing para “desenvolver solucións no eido da xestión e da seguridade do tráfico aéreo”, e “a consulta preliminar do mercado lanzada a comezos de ano polo Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) en colaboración con GAIN para o desenvolvemento de tecnoloxía no ámbito dos contornos de simulación U-Space a poñer en marcha no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), cuxa licitación publicará en datas vindeiras”.
Everis ADS informou ademais á Xunta sobre as súas capacidades e experiencia no sector dos vehículos non tripulados, así como os proxectos europeos nos que está participando. Así mesmo, presentou cinco propostas para evolucionar AIRUS á consulta preliminar do mercado para definir a continuidade do Polo Aeroespacial de Galicia entre 2021 e 2025, así como á consulta previa á licitación para desenvolver un simulador U-Space en Rozas en consorcio con Boeing Research & Technology Europe.

PUBLICIDADE