O IREX DR800SG anima o sector dos e-books cunha pantalla de 8,1 polgadas e conectividade 3G

xoves, 24 de setembro do 2009 Marcus Fernández

IREX Technologies presentou esta semana o seu dispositivo de lectura de libros electrónicos DR800SG, que é un dispositivo baseado en E Ink cunha pantalla táctil de 8,1 polgadas (precisa de stylus para o seu uso), lectura de tarxetas SD (inclúe unha de 2 Gb) e conectividade móbil 3G, de xeito que podería converterse nun rival para o Amazon Kindle que funcionaría sen problema tanto en redes de telecomunicacións americanas coma europeas.
O IREX DR800SG é compatible con formatos coma PDF, EPUB, Newspaper Direct, Fictionwire, eReader e TXT, podendo acceder ao catálogo con 750.000 títulos da tenda de descargas de Barnes & Noble, de xeito que superaría a oferta do Amazon Kindle (cuns 350.000 libros).

O IREX DR800SG sae moi ben parado ao compararse co Amazon Kindle 2 e o Sony Reader Daily Edition

Este dispositivo sae á venda en outubro nos EE.UU. por 399,99 dólares (271,26 euros) mentres que en Europa deberemos agardar á primeira metade de 2010 para poder adquirilo. Nun principio non é preciso contratar unha tarifa de datos móbil co DR800SG, pero non resultaría sorprendente que IREX chegase da man dalgunha operadora de telecomunicacións (que están moi interesadas no negocio do libro electrónico tras comprobar o seu éxito nos EE.UU.).
Aínda que este dispositivo non pareza moi innovador, o certo é que supón unha mellora na calidade deste tipo de trebellos, conseguindo unha área de lectura superior ao Kindle ou ao Sony Reader Daily Edition (os seus competidores máis directos) aínda que inferior ás 9,7 polgadas do Kindle DX. A pantalla tamén conta con menos reflexos que os outros dispositivos mencionados, presenta 16 niveis de gris, aproveita mellor o seu espazo (de xeito que ten un tamaño semellante a un Kindle, pero cunha pantalla maior), presenta un deseño moi sinxelo e resulta moi doado de manexar tanto cos seus botóns coma co stylus.

PUBLICIDADE