O INIBIC, o CiTIUS e Diversa, distinguidos pola RAGC e GAIN
mércores, 7 de xuño do 2023
- O equipo de Angélica Figueroa, do INIBIC
A novena edición dos Premios
á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2023,
encamiñados ao recoñecemento do traballos de investigación
aplicada, transferencia de coñecemento e implantación de tecnoloxía
empresarial, vén de fallar os galardóns por parte da Real Academia
Galega de Ciencias (RAGC) e a Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Distinguiuse o labor dos científicos do Instituto de Investigación
Biomédica da Coruña (INIBIC) liderados por Angélica Figueroa, o
Grupo de Sistemas Intelixentes do Centro Singular de Investigación
en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC, e máis a empresa
Diversa.
Cómpre dicir que nesta edición recibíronse un total de 31
propostas para as tres categorías do certame, estando o xurado
composto pola secretaria da RAGC, Pilar Bermejo, como presidenta do
xurado; e, como vogais, Alicia Estévez, vicepresidenta da RAGC;
Fernando Pérez, responsábel de publicacións e relacións sociais
da RAGC, que tamén exerceu como secretario do xurado; María José
Mariño e Elena Polo, de GAIN; Judit Nogueiras do IGAPE; e Alfredo
Ramos, da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).
Os tres traballos recoñecidos recibirán un premio de 6.000 euros
cada un, nun acto que se celebrará o 21 de xuño, ás 19 horas no
Pazo de San Roque de Santiago de Compostela.
O premio Francisco Guitián Ojea a un traballo de
investigación aplicada recoñece a creación, por parte dun grupo de
investigación, dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se
deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de
Galicia. Recaeu no proxecto de desenvolvemento dun fármaco innovador
contra o cancro de colon metastático, de científicos do Instituto
de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), liderado por
Angélica Figueroa.
- O equipo do CiTIUS de Alberto Bugarín
En canto ao premio Fernando Calvet Prats, a un caso de éxito
de transferencia de tecnoloxía dun grupo de investigación foi para
o Grupo de Sistemas Intelixentes do Centro Singular de Investigación
en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago,
coordinado por Alberto Bugarín. Desenvolveu unha tecnoloxía en
minería de procesos e xeración de linguaxe natural referente a
nivel mundial, proceso que culminou coa creación da empresa InVerbis
Analytics. “A minería de procesos é unha disciplina da
Intelixencia Artificial que investiga en algoritmos e modelos de
datos que permiten descubrir e representar o desempeño real dos
procesos nas organizacións, co fin de mellorar a súa eficiencia,
posto que todos os procesos informatizados deixan unha pegada dixital nos sistemas de información das
empresas”, explican.
- As responsábeis da empresa Diversa
Para rematar, o premio Ricardo Bescansa Martínez, a un caso de éxito de implantación de tecnoloxía transferida foi para a empresa Diversa Technologies. Nace en 2022 como unha spin-off biotecnolóxica xurdida da Unidade de Nano-Oncoloxía e Terapéutica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e do Servizo Galego de Saúde. A súa orixe baséase na transferencia da nanotecnoloxía desenvolta e patentada polo devandito grupo, baseada en lípidos non tóxicos e biodegradábeis para mellorar a distribución e liberación de moléculas terapéuticas e, por tanto, óptima para o desenvolvemento de novos fármacos. A finalidade desta tecnoloxía é mellorar a vida dos pacientes pero tamén se pode adaptar a moitas outras aplicacións como a nutracéutica e a cosmética.