O IGAPE destaca a aplicación das TIC da compañía luguesa Miramar Cruises

venres, 11 de marzo do 2016 Redacción

Esta maña o director do IGAPE, Javier Aguilera, mantivo un encontro no viveiro da Fundación CEL cos emprendedores de Miramar Cruises, Hugo Iglesias Docampo e Diego Leira Pan, onde destacou a aposta desta compañía luguesa pola innovación e a aplicación das TIC no turismo de cruceiros. Miramar Cruises xa ten facilitado, desde a súa posta en marcha en 2012, o embarque de 15.000 pasaxeiros en cruceiros.
A empresa, que conta co apoio do IGAPE a través do programa Galicia Emprende, puxo en marcha ademais un proxecto tecnolóxico innovador, Nudoss.com, a primeira rede social de cruceiros de Europa, que conta cunha base de datos de 20.000 usuarios e aborda neste momento a súa expansión internacional. Este proxecto foi seleccionado para a segunda edición do programa Galicia Open Future, aceleradora impulsada conxuntamente pola Xunta e Telefónica e tamén recibiu o recoñecemento de AJE Galicia como Premio Joven Empresario 2014.
No encontro no que tamén participaron a secretaria xeral e o xerente da Fundación CEL, Lourdes Prado e Rodolfo Ojea, o director do IGAPE destacou que, este ano, a Consellería de Economía, Emprego e Industria activou programas de axuda dotados con máis de 30 millóns de euros para apoiar proxectos de investimento, de novos emprendedores, de mellora da competitividade ou de internacionalización das PEME. Lembrou igualmente que o Instituto acaba de ampliar a dotación para o programa de préstamos Jeremie, centrado en facilitar os investimentos das PEME e dos emprendedores.

PUBLICIDADE