O IES de Brión gaña o premio Desafío programación co seu robot BrionXbot

mércores, 17 de outubro do 2018 Redacción

As alumnas e alumnos IES de Brión seguen este novo curso colleitando importantes recoñecementos tecnolóxicos, logo do seu destacado papel o ano pasado no certame estatal Wisibilízalas, ou do éxito acadado hai dous anos no concurso Inventa en Galego de IGACIENCIA (Institución Galega da Ciencia). Agora, estudantes de Tecnoloxía Industrial e Debuxo Técnico do IES de Brión veñen de gañar o premio Desafío programación, do certame de innovación educativa Desafíos STEM: programación, robótica e impresión 3D da Consellería de Cultura e Educación. Un galardón que o alumnado brionés consegue por segundo ano consecutivo.
O proxecto premiado, denominado BrionXbot, é un robot deseñado, fabricado, controlado e programado integramente polo alumnado do centro, inspirado nas esculturas cinéticas do artista neerlandés Theo Jansen. En termos máis concretos, BrionXbot é un autómata de seis patas distribuídas en dous trens situados nos costados dun corpo central ou chasis. Cada tren está formado por tres articulacións montadas sobre un cegoñal e ancoradas nun eixe fixo. A rotación do motor move estes mecanismos de tal xeito que os extremos das patas describen unha traxectoria cíclica de avance.
BrionXbot está equipado con diversos sensores que permiten recompilar datos sobre distancias, temperatura, humidade e luminosidade. Asi, coa incorporación de tecnoloxía Bluetooth e unha pantalla LCD, é posíbel facer seguimento dos datos obtidos a través dun smartphone ou no propio robot. Segundo informan os seus desenvolvedores, tamén se poden controlar os movementos do robot de xeito remoto dende un teléfono móbil.
Este proxecto xa fora distinguido o pasado mes de xuño co primeiro premio do concurso Sensores 2018, convocado por IGACIENCIA. A iniciativa foi desenvolvida como proxecto interdisciplinario dos departamentos de Tecnoloxía e Debuxo no último trimestre do curso 2017/2018 e contou co soporte do Laboratorio de Formas Procesos e Materiais do IES de Brión. Os autores do mesmo son: Diego Baleirón Pais, Diego Basante Magariños, Noelia Canda Pazos, Antón Carcedo Martínez, Verónica Godoy Antelo, David Gualillo Lago, Alberte Xosé López Freire, Ainhoa Pérez Raña, Aarón Peula Velarde, Sara Picos Gómez, Alejandro Quintana Cid, Carlos Ruiz Abete, Carla Villar Cobas e Fátima Viqueira Barca.

PUBLICIDADE