O ICOIIG presenta a Oficina de Transformación Dixital cunha mesa redonda

martes, 29 de xaneiro do 2019 Redacción

O Ilustre Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia será Oficina de Transformación Dixital coa que achegará ás PEME galegas ás tecnoloxías e coñecementos necesarios para afrontar os retos dixitais con máis dun cento de actividades por toda Galicia. A presentación desta iniciativa terá lugar mañá na Fundación Barrié da Maza, nun encontro con expertos de recoñecido prestixio en márketing e estratexia dixital. A actividade é gratuíta previa inscrición vía web.
As Oficinas de Transformación Dixital postas en marcha en toda España polo Ministerio de Economía e Empresa, a través da entidade pública Red.es, contan cun orzamento global de cinco millóns de euros. As actuacións para realizar serán financiadas con cargo ao Programa Operativo Plurirregional de España (POPE), Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional ( FEDER) do período de programación 2014-2020 e baixo o lema Unha maneira de facer Europa que ten entre os seus obxectivos mellorar o uso, a calidade e o acceso ás TIC.
Esta iniciativa execútase en paralelo ao Programa de Axudas Asesores Dixitais, dotado con outros cinco millóns de euros a través do mesmo tipo de Fondos Europeos e ten por obxectivo realizar Plans de Dixitalización que axuden ás PEME para incorporar as TIC nos seus procesos: xestión do negocio, relación con terceiros, comercio electrónico e dixitalización de servizos ou solucións.
As xornadas estarán moderadas polo xornalista coruñés Pablo Portabales e os relatores son:
- José Luis Portela: director do programa de Dirección Estratéxica de Proxectos do IE Business School. Directivo internacional experto en Dirección Estratéxica de Proxectos, Interim Management, Head Hunting, Dirección de Operacións e Dirección de Compras. Ademais é socio en Magtalent.
- Franc Carreras: profesor asociado adxunto en ESADE onde imparte clases de márketing dixital, escollido pola diario Expansión como un dos 50 principais expertos en transformación dixital de España. É cofundador de Mamis Dixitais e é mentor no programa Launchpad de Google. É considerado un dos expertos máis influentes do país grazas aos seus máis de 10.000 seguidores en redes.
- Silvia Leal: divulgadora científica. Na actualidade está a piques de estrear a súa propia serie para La 1: A cuarta revolución, trátase dun programa que se emitirá en prime time sobre o futuro da nosa vida, as profesións e as empresas.
Ademais deste evento, desenvolveranse 124 actividades de difusión nas principais cidades galegas para achegar o coñecemento ás empresas galegas e, desta forma, catalizar a transformación dixital para a mellora competitiva do empresario galego.

PUBLICIDADE