O Huawei Pura X preséntase como un dos encartables máis raros do mercado

xoves, 20 de marzo do 2025 Marcus Fernández

Huawei vén de lanzar un novo smartphone encartable na China, o Huawei Pura X, que está a ser toda unha sorpresa polo seu factor de forma, pois aínda que poida resultar semellante a un Samsung Galaxy Z Flip, ten un formato moito máis ancho, converténdose no primeiro smartphone encartable cunha pantalla cunha relación de aspecto de 16:10.
Este novo encartable, que na China venden a un prezo de 7.499 iuans (953 euros), cando está pechado presenta unha pantalla de 3,5 polgadas cunha resolución de 980 x 980 píxeles e, ao abrilo, conta cunha pantalla de 6,3 polgadas cunha resolución de 2.120 x 1.320 píxeles.
As proporcións deste smartphone non son o único rechamante que ten, pois cando está pechado tamén destaca ao contar cun módulo de 4 cámaras. Aínda que estas decisións de deseño pouco importan se temos en conta que estamos ante un smartphone que chegará ao mercado sen compatibilidade coas aplicacións para Android, polo que dificilmente atopará compradores fóra de China.

O Huawei Pura X destaca por ser extraordinariamente ancho