O Honor V40 5G é o primeiro móbil da marca fóra do paraugas de Huawei

venres, 22 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

A crise provocada polo veto estadounidense levou a Huawei a ter que vender Honor, e agora que Honor é unha empresa independente da compañía que a levantou lanza o seu primeiro móbil insignia, o Honor V40 5G, que venderase inicialmente en China a prezos de 3599 e 3.999 iuans (456 e 507 euros) con almacenamento interno de 128 e 256 GB respectivamente.
A nivel de hardware estamos ante un móbil cunha xenerosa pantalla OLED de 6,72 polgadas cunha velocidade de refresco de 120 Hz, procesador MediaTek Dimensity 1000+ (de aí que teña 5G), 8 GB de RAM, cámara traseira tripla cun sensor principal de 50 Mpíxeles, cámara frontal de 16 Mpíxeles, NFC, Infravermellos, altofalantes estéreo, lector de impresións dixitais en pantalla e unha batería de 4.000 mAh con carga rápida de 66 watts mediante cable e de 50 watts sen fíos.
A grande incógnita agora é se este potente terminal chegará a Europa cun Android 10 que conte con servizos de Google, xa que entendemos que a nova Honor estaría libre do veto imposto EE.UU. (aínda que os mesmos motivos que provocaron o veto a Huawei poderían levar tamén a bloquear comercialmente a Honor).

PUBLICIDADE