O Honor Magic aposta polo deseño coidado e a intelixencia artificial

venres, 16 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Nas vindeiras horas sairá á venda en China o novo smartphone estrela de Huawei, o Honor Magic, que comercializarase a un prezo de 3.699 iuans (uns 510 euros) con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento, á vez que tamén incorporará como funcionalidade máxica o sistema de intelixencia artificial Magic Live, que mediante os sensores que integra o terminal permitirá que o fabricante chinés compita co Asistente de Google, permitindo que o móbil suxira películas cando estas a chatear sobre cine, que detecte cando vas ao volante para pórse en modo condución, que presente información sobre o tema da páxina web que teñamos aberta ao premer de xeito prolongado o botón de inicio ou incluso que cando nos acheguemos a un cine aparecerá en pantalla o noso número de reserva para axilizar a entrada. Polo momento estas prestacións parecen deseñadas para o mercado chinés, pero dado o nivel de internacionalización actual de Huawei non sería de sorprender que nos vindeiros meses puidesen desenvolver funcións axeitadas ao resto do mundo.
As especificacións do Honor Magic son bastante elevadas, xa que estamos ante un teléfono con pantalla AMOLED de 5,09 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles (ou sexa, 577 puntos por polgada, densidade de píxeles realmente impresionante, que practicamente só superaría o Sony Xperia Z5 Premium grazas á súa pantalla 4K), procesador Kirin 950 de 8 núcleos a 2,3 GHz, dobre cámara traseira de 12 Mpíxeles con apertura f/2.2, dobre cámara frontal de 8 Mpíxeles con apertura f/2.0, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.2, lector de pegadas dixitais, batería de 2.900 mAh (que podería cargarse até o 40% en só 10 minutos, ou até o 70% en 20 minutos), un grosor de 7,8 milímetros e un peso de 145 gramos.
Un dispositivo realmente atractivo, que agradecerán os que queiran facerse cun smartphone de referencia nun tamaño relativamente contido (ou sexa, sen apostar polas 5,5 polgadas).

PUBLICIDADE