O HTC U11 terá un revolucionario casco de realidade virtual

venres, 26 de maio do 2017 Marcus Fernández

Ao igual que Samsung ten o casco de realidade virtual Galaxy VR compatible cos seus smartphones de alta gama, dende HTC animáronse a darlle o mesmo tratamento ao seu novo HTC U11 co HTC Link, pero indo un paso máis aló, xa que este novo casco promete un seguimento de movemento completo en 360 graos, algo que até o momento non viramos nun casco para smartphones, e que achegaríase máis á experiencia que podemos vivir con HTC Vive.
Este novo casco ten un tamaño de 197,69 x 116,61 x 167,33 milímetros e pesa 554 gramos, integra unha batería de 2.800 mAh, ofrece un ángulo de visión duns 110 graos e funciona en combinación cun par de mandos por control de movemento (semellante aos de PS Move) e unha cámara estereoscópica. Como curiosidade, en vez de introducirse o smartphone dentro do casco para aproveitar a súa pantalla, o HTC Link integra un par de paneis de 3,6 polgadas cunha resolución de 1.200 x 1.080 píxeles (un para cada ollo) cunha velocidade de refresco de 90 Hz, ou sexa, que só aproveitaría o HTC U11 para correr o software desta solución de realidade virtual.
Polo momento este produto só ten prevista a súa distribución no Xapón.

PUBLICIDADE