O HTC Desire 500 ponse á venda este mes en Europa

mércores, 7 de agosto do 2013 Marcus Fernández

HTC presenta hoxe un novo smartphone de gama media para o mercado europeo, o HTC Desire 500, un terminal con procesador de catro núcleos a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria), pantalla de 4,3 polgadas (cunha resolución de 480 x 800 píxeles), cámaras de 8 e 1,6 Mpíxeles, batería de 1.800 mAh e parte do software que incorpora o HTC One, como BlinkFeed, que deste xeito pode gozarse tamén na familia Desire convertendo a pantalla de inicio do móbil nun fluxo de información personalizable (con contidos das nosas redes sociais e fontes informativas favoritas).
O HTC Desire 500 destaca pola súa cámara traseira de 8 Mpíxeles, que inclúe un procesador de imaxe dedicado para tomar fotografías e vídeos HD de bastante calidade, á vez que a súa cámara frontal de 1,6 Mpíxeles resulta aceptable para disparar auto-fotos. Tamén conta con detector de sorrisos, filtros creativos e funcións para compartir as imaxes nas nosas redes sociais sen necesidade dun PC.
Entre o seu software tamén temos Video Highlights, que permite recompilar imaxes e vídeos de un evento ou duns días seleccionados para compor unha especie de vídeo musical de 30 segundos adaptándoos a un dos seus 6 temas incluídos.
Este novo smartphone de HTC porase á venda este mesmo mes, e nalgúns mercados contará con modelos con dobre SIM e con NFC.

O HTC Desire 500 quere destacar pola súa cámara

PUBLICIDADE