O Grupo MásMóvil pretende adquirir Euskaltel, compañía propietaria de R

luns, 29 de marzo do 2021 Marcus Fernández

Meinrad Spenger é o fundador e conselleiro delegado de MásMóvil

O Grupo MásMóvil, cuarto operador de telecomunicacións en España, vén de anunciar unha Oferta Pública voluntaria de Adquisición de accións (OPA) sobre a totalidade das accións representativas do capital social de Euskaltel, o que suporía que o grupo que ten actualmente as marcas Yoigo, MásMóvil, Pepephone, Llamaya, Lebara, Lycamobile e Hits Mobile contaría tamén con Virgin telco, Euskaltel, Telecable e R, consolidando a súa posición no mercado de telecomunicacións español e poñendo fin á aventura independente das operadores de cable autonómicas que no seu día xogaron un importante rol no espallamento da banda larga e contribuíron á competitividade do sector.
A OPA realízase a través da entidade Kaixo Telecom, participada integramente por MásMóvil Ibercom, que a través de outras empresas remata estar baixo o control de Lorca Aggregator Limited, sociedade constituída en Jersey, de xeito que estariamos ante un operador semellante a Vodafone e Orange (que proveñen de capitais en Reino Unido e Francia).

O Grupo Euskaltel conta actualmente coas marcas Euskaltel, R e Telecable en Euskadi, Galicia e Asturias, e Virgin telco para o resto do territorio español

Até o momento, Zegona Communications, Kutxabank e Alba Europe, titulares do 52,32% do capital de Euskaltel, comprometéronse a aceptar a oferta de adquisición de MásMóvil, aínda que para que poida concretarse a operación será preciso que acepten a oferta máis do 75% dos titulares dos valores da sociedade, así como a pertinente autorización da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), para o que tamén son precisas autorizacións do Consello de Ministros e da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixital do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.
O capital social de Euskaltel é actualmente de 535.936.080 euros repartidos en 178.645.360 accións de 3 euros de valor nominal cada unha, para as que realizarán unha oferta de 11,17 euros en efectivo por acción (un 25,1% máis do prezo medio das accións de Euskaltel no último mes), de xeito que o importe máximo que desembolsar sería de 1.995.468.671,2 euros.

MásMóvil pretende manter a sede galega de R tras a adquisición de Euskaltel

Con esta oferta MásMóvil comprométese a manter Euskaltel como unha sociedade separada, con domicilio social e fiscal en Euskadi, durante un período mínimo de 5 anos. Tamén se comprometen a non realizar un ERE durante ao menos 5 anos, priorizar o despregamento da súa rede 5G en Euskadi e promover actuación para facilitar o acceso á banda larga a través de FTTH. Curiosamente a documentación na que se anuncia a OPA só menciona o territorio éuscaro, pero a nota de prensa na que dan conta desta oferta tamén aseguran que o Grupo MásMóvil respectará o compromiso de Telecable e R con Asturias e Galicia respectivamente, ou sexa, que o operador R experimentaría esta operación dun xeito semellante a cando foi adquirido por outras compañías no pasado, mantendo a súa sede e as súas operacións locais.

PUBLICIDADE