O Grupo El Progreso agrupa os seus medios dixitais en Galiciae.com

luns, 3 de decembro do 2007 Marcus Fernández

No mes de maio nacía XeraciónWeb coma un novo medio dixital galego, e agora a web do Grupo El Progreso refórmase e cambia a súa filosofía converténdose en Galiciae.com, que pretende converterse nunha plataforma web do grupo de comunicación, aproveitando todo o aprendido na experiencia da súa web anterior, que destacaba pola súa decidida aposta pola web social e participativa.
A nova web non será un redeseño, senón que irá integrando paulatinamente ós diferentes medios dixitais do Grupo El Progreso, tanto os que xa están na Rede como os que aínda non deron tal salto ó dixital.
Galiciae, destaca o e do seu nome (que parece querer ser un referente dunha Galicia electrónica) e reparte os seus contidos en distintas seccións: Actualidade, Local, Blogs/Opinión, Comunidade e Xeosfera. Os primeiros apartados corresponden ós tradicionais nun medio de comunicación, mentres que os restantes se van abrindo á participación dos lectores, rematando cunha aposta pola xeolocalización, que nos presenta o mapa baseado en tecnoloxía de Google dende o que podemos consultar novas segundo o lugar no que se desenvolven.
Neste primeiro momento podemos ver como na portada de Galiciae conviven novas da Axencia Galega de Noticias, de El Progreso e do Diario de Pontevedra, que están acompañadas polas información de Galicia Gastronómica.

PUBLICIDADE