O Gran Turismo 7 chegará a PS4 e PS5 en marzo

xoves, 16 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Un dos xogos máis agardados para as consolas de Sony é o título de condución Gran Turismo 7, que finalmente ten fixada a súa data de lanzamento para PlayStation 4 e PlayStation 5 para o 4 de marzo de 2022, collendo así o relevo dunha franquía nacida na primeira PlayStation.
Esta nova entrega promete homenaxear os 150 anos de coñecemento e competición automobilística, sendo unha produción accesible tanto para os amantes do mundo do motor e desta franquía como para os que acaban de introducirse no mundo dos coches.
O xogo contará cun modo Campaña de GT que permitirá realizar viaxes tendo experiencias enriquecedoras; non faltará un editor de deseños para expresar a creatividade na estética dos vehículos; con Scapes tamén teremos un modo fotográfico para poder capturar en imaxe a instantánea perfecta do coche dos nosos soños; tamén será posible competir en circuítos emblemáticos recreados con grande nivel de detalle; e unha vez máis o xogo contará cunha impresionante colección de coches dos que se recrean as súas características técnicas con grande precisión.
Pero Gran Turismo 7 non só permite coleccionar coches, senón que tamén permite modificalos ano noso gusto e poñelos a proba sobre os asfalto, con realismo non só na condución, senón tamén no contorno, de xeito que a hora do día e a climatoloxía terán un impacto directo na recreación dos circuítos, cun nivel de realismo que deixará a máis dun coa boca aberta, especialmente se corremos o título nunha PlayStation 5.

A meteoroloxía e a hora do día reflectiranse con precisión no xogo

Tráiler de Gran Turismo 7

PUBLICIDADE