O Goberno transferirá 10,7 millóns á Xunta para seguir avanzando na dixitalización da Xustiza

luns, 23 de maio do 2022 S. P.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, anunciou os días pasados unha importante contribución do Executivo central á transformación tecnolóxica da Xustiza galega. En concreto, fixo saber que o Estado transferirá 10.748.559 euros á Xunta para transformar o Servizo Público de Xustiza de Galicia e “facelo máis accesíbel e eficiente”, sinalou, engadindo que este investimento forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Máis polo miúdo, Galicia recibirá 9.673.703 euros en 2022 e 1.074.856 euros en 2023, dentro da distribución aprobada no último Consello de Ministros a proposta do Ministerio de Xustiza. Este investimento de 10.748.559 euros servirá para desenvolver proxectos do plan Xustiza 2030, dentro do proceso de dixitalización da Administración. “A Xustiza ten que sincronizarse cunha realidade que é cambiante e, con ese obxectivo, o plan Xustiza 2030 permítenos avanzar cara a unha tutela xudicial efectiva e unha xustiza modernizada que a cidadanía entenda”, afirmou José Miñones.
Miñones lembrou que o plan Xustiza 2030 baséase en tres eixos: “Facilitar o acceso á Xustiza por parte da cidadanía, consolidando garantías e dereitos; promover a eficiencia operativa do servizo; e impulsar a transformación dixital, incrementando a cohesión e a coordinación territorial.

PUBLICIDADE