O Goberno reforza o plan de substitución dos semáforos actuais polos de tecnoloxía LED, máis limpa

mércores, 6 de febreiro do 2008 Fernando Sarasketa

O Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) do Goberno vén de reforzar o seu programa para renovar o actual parque de semáforos espallados polo territorio estatal con dispositivos de semellante feitura pero equipados con lámpadas de díodos Led (na imaxe), encamiñados a un meirande aforro enerxético. Máis polo miúdo, o reforzamento desta iniciativa inclúe máis presuposto (17 millóns de euros a engadir ós 20 que xa había) para substituír a curto e medio prazo o 30% dos semáforos convencionais do Estado.
Segundo sinala o IDEA, os novos dispositivos non só contribuirán á loita contra o quecemento da Terra (posto que permiten aforrar até un 80% de electricidade) senón que tamén achegan mellores condicións de seguridade viaria, durabilidade e iluminación.
Co despregamento destes nosos semáforos, preto de 100.000, deixaranse de emitir á atmosfera case 60.000 toneladas de CO2. O subministro das lámpadas correrá a cargo do Instituto, mentres que as operacións de emprazamento e montaxe terán que ser asumidas polos concellos. A orixe desta tecnoloxía LED aplicada ós semáforos está en 1995, ano no que se acadou finalmente a cor verde nun díodo. A partir de aí, comezou o seu espallamento nos países máis comprometidos co aforro enerxético.

PUBLICIDADE