O Goberno quere que os xigantes do streaming contribúan á financiación do cine europeo

venres, 6 de novembro do 2020 Marcus Fernández

O Anteproxecto de Lei Xeral de Comunicación Audiovisual avanza cara á súa aprobación iniciando o seu período de audiencia pública, para que sexa posible realizar achegas até o vindeiro 3 de decembro a través da páxina web do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. A futura lei busca a transposición ao ordenamento xurídico español da Directiva Europea 2018/1808 do 14 de novembro de 2018 á vez que pretende actualizar a lexislación para adaptala á realidade do mercado, no que xurdiron novos axentes e onde se desenvolveron novos servizos audiovisuais, xa que a normativa actual só establece obrigas case unicamente para a TDT en aberto.
Como exemplo destes cambios temos que as prohibicións de amosar publicidade de alcohol e tabaco pasa agora a aplicarse a todos os servizos de comunicación audiovisual, á vez que tamén se establecen se reforza a protección dos menores limitando a publicidade do xogo, o esoterismo e a paraciencia.
Outro cambio moi importante é estender as obrigas de apoio á produción de obra europea, destacando o feito de que agora entran en xogo as plataformas de vídeo baixo demanda, que deberán reservar un 30% do seu catálogo a obras europeas (e a metade desas obras deberán estar en linguas oficiais en España). Tamén establecen que os prestadores de servizo cunha facturación xerada en España superior a 50 millóns de euros/ano deberán destinar o 5% deses ingresos a financiar obra audiovisual europea ou á contribución ao Fondo de Protección da Cinematografía. De tal cantidade, un mínimo do 70% deberase destinar a financiar obras audiovisuais de produtores independentes e un mínimo do 40% a financiar películas cinematográficas de produtores independentes en calquera das linguas oficiais de España. No caso de prestadores que non superen os 50 millóns de facturación o 5% dos ingresos poderían ir destinados ao financiamento de obra audiovisual europea ou á compra de dereitos de obra audiovisual europea terminada. Quedan exentos os prestadores que facturen menos de 10 millóns de euros/ano.
Aínda que estas medidas de fomento do audiovisual local poidan parecer un claro avance, na práctica é moi probable que non teñan ningún impacto, xa que os xigantes do streaming xa levan bastante tempo apostando pola produción audiovisual nos países nos que ten presenza oficial.

PUBLICIDADE