O Goberno promove o acceso das persoas con discapacidade á TDT

luns, 21 de decembro do 2009 Raquel Noya

O Goberno central, da man do ministro de Industria, Turismo e Comercio, Miguel Sebastián e da ministra de Sanidade e Política Social, Trinidad Jiménez, vén de presentar publicamente os decodificadores de Televisión Dixital Terrestre (TDT) accesibles para as persoas con discapacidade e as persoas maiores, nun acto no que tamén se levaron a cabo demostracións do funcionamento destes receptores.
Estes decodificadores incorporan un sistema operativo pioneiro desenvolvido polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio a través do Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTECO), que lle permite ás empresas facer accesibles os dispositivos que fabriquen. Deste xeito, segundo afirman dende o executivo, “España convírtese no primeiro país en contar con decodificadores de TDT accesibles”, que nas vindeiras semanas estarán dispoñibles nas tendas.
Este proxecto, que conta cun presuposto de 500.000 euros, ten como obxectivo aproveitar as posibilidades que presenta a TDT para garantir o acceso a este medio das persoas con discapacidade e as persoas maiores e deste xeito, segundo indican, “ofrecerlles unha alternativa eficaz para que poidan empregar a TDT sen barreiras”.
Esta medida afectará directamente a unhas 100.000 persoas con minusvalidez visual e ás súas familias e tamén facilitará o uso de aparatos ás máis de 7.000.000 de persoas que forman o colectivo de maiores
Asemade, tamén busca dinamizar e promover a industria mediante a liberación do coñecemento e os resultados do proxecto para a súa adopción e utilización polas empresas na creación de produtos que ofrezan solucións a este tipo de colectivos, nun mercado en competencia e garantindo o cumprimento da lexislación.
Neste sentido, INTECO asinou senllos acordos de colaboración con seis fabricantes (Televés, Investrónica, FTE Maximal, Elias Interactivo, Fagor e Fracarro Ibérica) para a comercialización de receptores de TDT accesibles baseados nos resultados do proxecto, co que se garante a existencia dunha oferta suficiente de receptores accesibles nun mercado de libre competencia.
Esta aplicación software para receptores de TDT, denominada IDTVOS (INTECO Dixital TV Operating System ou Sistema Operativo de INTECO para Televisión Dixital), é compatible con varios decodificadores de TDT do mercado, de tal maneira que a súa introdución converte o receptor nun receptor accesible, que incorpora gran cantidade de funcionalidades de accesibilidade como a axuda á navegación por voz, tonalidades de alto contraste, tamaños de fonte e velocidade da voz personalizable...

PUBLICIDADE