O Goberno galego investirá 16 millóns na creación de centros maker para as empresas

xoves, 5 de decembro do 2019 Redacción

Para quen aínda non escoitara falar do concepto maker, en inglés (ou argalleiro, en galego), dicirlle que se trata de recuperar para a tecnoloxía a ancestral práctica de arrimar o ombreiro cun obxectivo determinado: o traballo colectivo, participativo e alentador das capacidades de cada quen. Tendo en conta as súas vantaxes, trátase de metodoloxías en clara proxección, e na nosa terra tamén. O Goberno galego, sen ir máis lonxe, anunciou hoxe que vai investir 16 millóns de euros até 2022 para crear centros de fabricación avanzada de uso aberto e compartido para “mellorar a competitividade” das empresas galegas. Ou sexa, centros maker para facer voar os nosos proxectos innovadores.
Este dato foi dado a coñecer hoxe polo responsábel do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, que explicou que o obxectivo da dita liña de axudas é “impulsar a modernización do tecido empresarial, avanzar na implantación da Industria 4.0 e ir cumprindo taxativamente a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3)”. Segundo engadiu, esta nova medida promove que a iniciativa privada poña a disposición das empresas espazos para a prestación de servizos que non serían rendíbeis sen a colaboración. En concreto, poderanse xerar espazos como centros de ensamblaxe, loxística e recursos tecnolóxicos; espazos maker de fabricación compartida ou o acondicionamento especializado de solo.
Feijóo engadiu que as axudas poderán cubrir ata o 80% do investimento de cada unha das iniciativas cun límite máximo de axuda por proxecto de 10 millóns de euros e un límite máximo de investimento subvencionábel por proxecto de 20 millóns de euros. Tamén fixo saber que as novas infraestruturas poñeranse a disposición dos usuarios interesados “de forma aberta”, cun prezo de uso ou venda equivalente ao do mercado e “cunha estrutura de servizos que terán unha tarificación ou outra en función do uso ou consumo que se realice”.
Para o deseño desta iniciativa activouse unha consulta previa entre o tecido produtivo galego para coñecer a demanda existente deste tipo de espazos industriais, presentándose un total de 26 posíbeis consorcios. Darase prioridade á inclusión destes centros nos Hubs de Innovación Dixital, apoiados polo Goberno galego tras un proceso no que participaron máis de 240 axentes. Trátase das iniciativas Fábrica de futuro (liderada polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA) e centrada na Internet das Cousas e a Intelixencia Artificial) e Datalife (impulsado polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida, Bioga, e que pon o foco no manexo do Big Data).

PUBLICIDADE