O Goberno de Ecuador visita as instalacións da firma Tecalis en Milladoiro

martes, 7 de novembro do 2017 Redacción

De esquerda a dereita, Alberto Campos (CEO de Tecalis), Jose Luis Cabascango (director de Pro Ecuador España (Ministerio de Comercio Exterior), Isidoro Martínez (CMO en Tecalis e Dexga Tecnologies), María Gloria Dávila (adxunta Comercial de Pro Ecuador España (Ministerio de Comercio Exterior), Berta Caro (coordinadora de Desenvolvemento de Negocio de Tecalis)

A sede da empresa Tecalis, firma tecnolóxica galega emprazada en Milladoiro (Ames), recibiu hoxe a visita dunha delegación do Goberno de Ecuador, representado pola Embaixada e membros do Ministerio de Comercio Exterior (Instituto de Promoción de Exportacións e Investimentos, Pro Ecuador). No encontro celebrado nas instalacións de Tecalis, que forma parte dunha xira do Goberno ecuatoriano pola nosa terra (hoxe e mañá, co obxectivo de establecer encontros empresariais con diferentes empresas TIC, consultoras e alimentarias, para establecer sinerxías e fomentar o investimento no mercado ecuatoriano), participaron Cristóbal Roldán Cobo, embaixador de Ecuador en España, Christian Espinosa, conselleiro Económico da Embaixada de Ecuador en España, José Luis Cabascango, director de Pro Ecuador España e María Gloria Dávila, adxunta comercial de Pro Ecuador España. Na sede de Tecalis, os representantes da empresa amosáronlles polo miúdo a súa actividade, centrada no desenvolvemento e deseño a medida de software, portais web e aplicacións móbiles.
A visita a Tecalis respondeu, en palabras dos responsábeis da firma galega, “ao seu papel de referente no sector das tecnoloxías da información, tanto pola calidade dos nosos proxectos como pola proxección da compañía”. Durante a estadía dos representantes do Goberno ecuatoriano na empresa de Milladoiro, os responsábeis de Pro Ecuador convidaron á compañía a participar na sétima Convención Anual da Asociación Latinoamericana de Exportadores de Servizos (ALES 2017) que se celebrará en Quito os vindeiros días 15 e 16 de novembro.

PUBLICIDADE