O Galaxy S21 presentarase a semana que vén

luns, 4 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

Aínda que o tradicional fose que o evento de presentación do vindeiro móbil insignia de Samsung tivese lugar poucas horas antes da apertura do Mobile World Congress de Barcelona, o adiamento desta cita levou a que o fabricante surcoreano puidese organizar a súa axenda con maior liberdade, e así decidiu que adiantaba o Samsung Galaxy Unpacked 2021 ao vindeiro 14 de febreiro ás 16:00 horas.

Entre as imaxes filtradas podemos ver unha funda con espazo para gardar o S-Pen

Aínda que hai rumores sobre accesorios que poderían presentarse en tal data (como uns novos auriculares sen fíos ou pequenos localizadores de obxectos), o importante será a presentación da nova liña de móbiles Galaxy S21, que segundo diferentes filtracións terían os móbiles básicos en dous tamaños diferentes (S21 e S21 Plus) e un modelo S21 Ultra que, aparte de mellores especificacións e cámaras destacaría por incorporar soporte para S-Pen, algo que Samsung limitaba á familia Galaxy Note. Deste xeito, os incondicionais dos lapis dixitalizadores terían unha nova opción para gozar desta tecnoloxía, o que para algúns significa que os Note poderían estar chamados a desaparecer do catálogo de Samsung, mentres que tampouco podemos obviar que Samsung está a esforzarse para conseguir que o S-Pen poida chegar a usarse nun móbil encartable, o que si suporía un importante salto para este tipo de dispositivos.

PUBLICIDADE