O Galaxy Note7 podería volver ao mercado en formato restaurado

luns, 27 de marzo do 2017 Marcus Fernández

A retirada do mercado de millóns de unidades do Samsung Galaxy Note7 por motivos de seguridade deu pé a unha grande incógnita: que se faría con todos eses terminais unha vez corrixidos os seus problemas? Volverían a pórse á venda? Aínda que chegouse a entender que iso sería imposible ante os problemas de imaxe que podería provocar á compañía surcoreana, que incluso hai poucas semanas desmentiu os rumores de que poderían pórse á venda nalgúns mercados unidades restauradas dos seus móbiles explosivos, finalmente parece ser que si haberá algúns terminais do Note7 que volverán ao mercado como móbiles reciclados ou de aluguer, pero distribuídos dun xeito moi limitado (en función de numerosos factores que van dende as normativas vixentes até a demanda comercial).
Pero dende Samsung foron prudentes ao realizar este anuncio, camuflado debidamente nunha nota na que falan de coidar o medio ambiente, ou sexa, que xustifican a restauración dun bo número de Samsung Galaxy Note7 cando sexa posible para evitar así crear unha grande cantidade de refugallos; aseguran que cando non sexa posible restaurar o terminal completo aproveitaranse moitos dos seus compoñentes para a súa reutilización; e tamén extraeranse os metais dos terminais empregando métodos respectuosos co contorno.
Descoñécese o número de smartphones Note7 que se porán á venda, o prezo que terán (que presumiblemente sería reducido, xa que os móbiles restaurados normalmente só teñen unha garantía de 1 ano), a data de comercialización e os mercados nos que estarán dispoñibles, ou sexa, que polo momento hai moitas máis dúbidas que certezas, pero o que parece claro é que non serán poucos os que estarán atentos por facerse unha destas unidades, pois o nivel de satisfacción inicial deste teléfono era moi elevado, e incluso houbo consumidores que amosaron certa resistencia a devolver o seu terminal ao fabricante pese ao perigo que supuña o seu uso.

PUBLICIDADE