O Gaiás acolle sábado a edición galega da olimpíada de robótica

venres, 29 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Este sábado, de 9:00 a 15:00 horas, temos en Santiago unha cita coa intelixencia artificial, a automatización, as máquinas con capacidade de aprender e o espírito Maker. Estamos a falar da cuarta edición local (galega) da WRO, a Olimpíada Internacional de Robótica, na Cidade da Cultura no Gaiás, iniciativa organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e Arkitas Robótica. O programa da cita tamén incluirá un coloquio a cargo do psicólogo e pedagogo Javier Urra.
A WRO, para quen non o saiba, é unha olimpíada na que nenos e nenas de Educación Primaria, ESO e Bacharelato compiten cos seus robots en distintas categorías e retos segundo idades. Esta competición conta cunha fase local, unha nacional, que este ano será en Platja d’Aro, Girona, e a internacional, que terá lugar en Tailandia en novembro de 2018 (na segunda edición, como lembraremos, clasificouse un colexio da Coruña na nacional en Logroño, conseguindo unha praza na internacional de Nova Delhi). A WRO organízase organízase en máis de 20 cidades españolas e o ano pasado competiron uns 25.000 equipos de máis de 56 países.
Os equipos están formados por dous ou tres participantes de entre 7 e 19 anos que deseñan, constrúen e programan un robot con materiais LEGO. Os mellores equipos locais celebrarán a Final Nacional en Platja d’Aro (Girona), de onde sairán os representantes da WRO Spain para a Final Internacional da WRO 2018.
Ademais da WRO e, co foco posto naqueles rapaces que non compitan nesta e queiran probar outras especialidades, celébrase o II Campionato de Sumo Arkitas e o I Campionato de Bolos Robóticos.
Segundo informa o CPEIG, “a robótica educativa cada vez ten máis seareiros e axuda aos nenos e as nenas a desenvolver a súa creatividade, a súa iniciativa e a capacidade de resolver problemas mediante un reto educativo”. A organización da WRO GALICIA enmárcase nos obxectivos educativos no ámbito tecnolóxico tanto do CPEIG e da FEGAMP como de Arkitas Robótica, cuxo obxectivo común é “o desenvolvemento das vocacións científicas e técnicas en todas as etapas educativas”.

PUBLICIDADE