O GRUVI fai un chamamento ao alumnado da UVigo para recuperar equipos

venres, 22 de febreiro do 2019 Redacción

O Grupo de Reciclaxe Informática da Universidade de Vigo (GRUVI), integrado na Oficina de Medio Ambiente, vén de iniciar unha campaña para xuntar fileiras, na comunidade universitaria, a prol da reciclaxe e recuperación de equipos. A iniciativa de voluntariado ambiental impulsada pola OMA require alumnas e alumnos con formación relacionada no ámbito informático, electrónico ou eléctrico e que estean dispostas/os a colaborar de dúas a catro horas á semana na recuperación dos equipos, labor na que contarán coa axuda do persoal da oficina e dun bolseiro propio do GRUVI.
“A función principal é a recuperación de material informático, pero este grupo cumpre tamén un obxectivo de carácter formativo xa que o alumnado en prácticas, tanto voluntarios coma bolseiros, aprenden moito sobre todo o que ten que ver coa recuperación de equipos”, subliña Sergio Ramos, técnico superior da OMA. Traballarase con todo tipo de aparellos informáticos, dende torres e pantallas, pasando por cables, impresoras e cartuchos de tinta.
“Na última convocatoria entregáronse 26 equipos e, recentemente, entregáronse outros dez que sobraron desa convocatoria ao CEIP O Sello de Cabral en Vigo”, salienta Alejandro Prado, estudante do Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos e actual bolseiro do GRUVI. Ademais dos propios equipos da Universidade, contan tamén con outros que proveñen das distintas campañas de recollida dos RAEE (Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) promovidas pola OMA en colaboración co Green Campus de Pontevedra.
Unha vez reparados foméntase o emprego do software libre mediante a instalación de sistemas operativos Linux e programas de uso cotiá tamén libres, como pode ser o caso do Libre Office.

PUBLICIDADE