O GPUL organiza unha xornada multimedia con software libre na Coruña

venres, 8 de xullo do 2011 Raquel Noya

O vindeiro mércores 20 de xullo, o Grupo de Programadores e Usuarios de Linux da UDC, unha asociación creada en torno á Universidade da Coruña para promover e fomentar o uso do software libre e das aplicacións abertas entre a comunidade estudantil, vai celebrar unha nova edición das Xornadas Multimedia con Software Libre, que se desenvolverá ao longo de todo o día na Facultade de Informática.
O programa da xornada, que se pode consultar ao detalle na súa páxina web, inclúe o relatorio de Serafin Villar, de GPUL, que fará unha introdución aos reprodutores multimedia multiplataforma e Jorge Parada Fernández, de Freaks Party, que pechará a xornada da mañá cunha charla sobre as posibilidades reais que ofrecen os motores 3D Open Source en contraposición cos non Open Source.
Xa pola tarde, a partir das 15:00 horas, outro membro de GPUL, Alejo Pacín Jul, fará unha breve introdución ao que é a edición de vídeo con editores libres, así como unha demostración do funcionamento da aplicación Cinelerra; a este seguiralle Antonio Soane Nolasco, profesor da facultade de Ciencias da Comunicación da UDC, que introducirá ás persoas asistentes no desenvolvemento de aplicacións interactivas con software libre, e Juan Carlos Pena Babío, de Dygrafilms, que dará un relatorio sobre a súa experiencia na compañía de animación galega con Blender, unha ferramenta compatible con outros programas 3D.
A xornada concluirá coa intervención de Francisco Sobrino, alumno da FIC, que achegará a súa visión sobre o novo estándar HTML, o cal, segundo afirma, “está moi enfocado a poder acoller o, cada vez maior, contido multimedia co que contan as actuais páxinas web”. Na súa charla, as persoas asistentes poderán comprobar de primeira man cales son eses novos elementos e a maneira de empregalos.

PUBLICIDADE