O GPUL organiza na Coruña unhas xornadas sobre son e gráficos con software libre

xoves, 8 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

O Grupo de Programadores de Usuarios de Linux (GPUL) organiza a vindeira semana uns encontros dirixidos a achegar información sobre ferramentas útiles e abertas para a comunidade de creativos galegos. As Xornadas de Audio e Gráficos con Software Libre celebraranse na Facultade de Informática da Universidade da Coruña os días 13 e 14 de xullo. As cuestións a tratar serán do máis variado, malia xirar as relorios arredor dun eixe temático común: as vantaxes da programación aberta para o noso eido audiovisual, vantaxes que consistirían na achega de ferramentas de creación de menor custe e con meirandes capacidades de adaptación e, tamén, no apoio que supón contar con diálogo directo coa comunidade internacional de usuarios e deseñadores de software libre. Os encontros dividiranse en dúas xornadas, a primeira dedicada ao son e a segunda á do eido gráfico.
O primeiro día está prevista, entre outras achegas, a participación de Adrián Morán (que introducirá aos asistentes na notación musical con GNU LilyPond) ou de Alejo Pacín, que fará un percorrido polas ferramentas de notación asistidos por computadora. Na segunda xornada, entre outros membros da comunidade de software aberto, intervirán Denís Fernández (que fará unha intrudición ao Inkscape para o deseño gráfico) ou Tomás González, que ensinará como traballar con Scribus nunha editora comercial, no seu caso Urco Editora.

PUBLICIDADE