O Fire TV Cube permite unirse a xuntanzas en Zoom

xoves, 29 de xullo do 2021 Marcus Fernández

Dentro dos dispositivos para achegar prestacións de Smart TV por HDMi de Amazon destaca o Fire TV Cube por facer unha aposta polo control por voz moi superior á dos seus irmáns, xa que, aparte de permitir dar ordes ao seu mando, tamén conta con micrófonos de longo alcance para que poidamos falar con Alexa. Este trebello tamén inclúe emisor de infravermellos para poder controlar dispositivos que inicialmente non serían domóticos (como sistemas de aire acondicionados, equipos de son, persianas eléctricas...). Pero este interesante dispositivo vén de incorporar unha función moi interesante nos tempos que corren: poder realizar videoconferencias por Zoom. Até o momento o dispositivo só permitía as videoconferencias a través da aplicación oficial de Alexa.
Coa última actualización de software do Fire TV Cube é posible instalar a aplicación de Zoom e, tras conectarlle unha webcam compatible, será posible unirse a xuntanzas virtuais en vídeo, o que pode resultar moi atractivo á hora de facer este tipo de reunións no salón da casa, aínda que non faltarán empresas que consideren que este é un xeito práctico de incorporar Zoom a unha sala de reunións.
Para poder gozar da videoconferencia a través de Zoom é preciso contar cunha webcam que soporte o estándar UVC (ou sexa, que non precise de drivers especiais para funcionar) e como mínimo funcione a 72p e 30 imaxes por segundo, recomendándose webcams Full HD cun campo de visión de 60-90 graos, non recomendándose webcams 4K.
Algunhas das webcams recomendadas por Amazon serían as Logitech C920, C922x e C310 ou a Wansview 101JD, que precisan dun adaptador a micro USB para poder conectarse ao Fire TV CUbe (existindo tamén adaptadores deste tipo con porto Ethernet, o que pode resultar moi práctico se temos unha conexión Wi-Fi pouco estable).
Unha vez instalada a webcam chegará con dicirlle a Alexa que se unha a unha xuntanza de Zoom, tras o que o asistente preguntará polo identificador e o contrasinal da xuntanza, podendo simplificarse a operativa se temos o calendario de xuntanzas ligado con Alexa, de xeito que o sistema adiviñará a xuntanza a que queremos unirnos e simplemente pedirá unha confirmación ao usuario antes de entrar.
Cómpre advertir que o uso de webcams en dispositivos con Android TV é unha prestación tan frecuente como descoñecida, en boa medida pola falta de software orientado ao uso de cámaras dente o televisor. Sen ir máis lonxe, o Chromecast con Google TV tamén é compatible con webcams UVC, polo que incorporar a videoconferencia a contornos familiares é cada día máis doado.

PUBLICIDADE