O Executivo central investirá 100 millóns na dixitalización das empresas

mércores, 11 de xullo do 2018 Redacción

O Goberno central vai adicar 100 millóns de euros á transformación dixital das empresas. E farao a través do programa Industria 4.0, sendo o obxectivo da iniciativa que “o tecido produtivo estatal non fique atrasado na revolución tecnolóxica”. Ademais, a medida busca facer máis competitiva a economía española: unha factoría reforzada e sustentábel de creación de emprego. O dito orzamento foi dado a coñecer pola ministra de Industria, Reyes Maroto, no transcurso do Congreso Digitales Summit, que se celebrou esta semana en Madrid.
Segundo engadiu, o Goberno central está “comprometido co impulso da transformación dixital da economía e a sociedade” e atópase mergullado nun proceso de transformación para mellorar o talento tecnolóxico e fomentar a formación en eidos como a ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas. “Cómpre promover un modelo de aprendizaxe continua en competencias dixitais que dea resposta ás necesidades presentes e futuras”, sinalou a ministra, engadindo que é “unha obriga” apoiar ás empresas nos seus procesos de dixitalizacion, “xa que non é unha opción para as empresas, senón que se converteu nun imperativo para non verse desprazadas no mercado”.
Ao abeiro deste plan, o Ministerio prepara múltiples actuacións, como a creación dun programa para fomentar a transformación intelixente da industria e os servizos, que contará coa participación doutros ministerios pola natureza transversal da dixitalización, así como coa dos axentes sociais e os principais actores da transformación innovadora da economía española.
Maroto tamén engadiu que España ocupa o posto 14 da UE en canto a competencias dixitais da poboación e que o país “carece de modelo de formación que prepare aos traballadores para os cambios que se van a producir nese futuro próximo”. Esta é a razón de que salientase a necesidade de achegar unha “oferta formativa en todas as etapas da vida en competencias dixitais avanzadas”.

PUBLICIDADE