O Estudo Xeral de Medios reflicte o crecemento do audio e do vídeo en liña en Galicia

martes, 10 de decembro do 2024 Marcus Fernández

Situación en Galicia das plataformas de vídeo baixo demanda segundo o Estudo Xeral de Medios nun gráfico elaborado por Avante

A axencia de medios Avante vén de realizar unha análise sobre os hábitos do consumidor en Galicia en función dos datos da 3ª onda do Estudo Xeral de Medios (EGM), destacando que o audio dixital experimentou un crecemento do 8,2%, conseguindo unha penetración do 42,2%, o que é unha posición bastante notable aínda que quedase por detrás da televisións en liña (64%), as páxinas web (50%) e as redes sociais (49,8%).
No ámbito dos medios tradicionais destacan que a radio mantén unha grande relevancia (cunha penetración do 57%), mentres que a prensa escrita cae un 4,3%, mentres que a televisión convencional, pese a estar en retroceso, aínda conta cunha penetración do 79,2%.
Os datos do EGM sitúan como medios líderes en Galicia á televisión (79,2%), a publicidade exterior (77,9%) e a Internet (75,7%), e salientan os crecementos do consumo de audio e televisión en liña.
No consumo radiofónico o EGM mantén como emisora xeralista líder á SER con 348 mil oíntes, seguida pola COPE (163 mil oíntes), Onda Cero (153 mil oíntes) e a Radio Galega (117 mil oíntes), destacando a importante caída desta última, que caeu unha posición ao perder 71 mil oíntes nun ano.
No que respecta a redes sociais, Instagram medra até o 33,2%, mentres que Facebook cae até o 30,1% (perdendo o liderado) seguida por YouTube (23,5%), TikTok (17%) e X (10,9%).
E nas plataformas de vídeo baixo demanda Netflix consolida o seu liderado cunha penetración do 44,4%, seguida por Prime Video (35,7%), que experimenta un considerable crecemento, mentres que plataformas como Disney+ (17,3%) e Max (16,4%) teñen un alcance moito máis modesto.