O Energy T5650 permite gravar a TDT por USB e inclúe saída HDMI

mércores, 13 de maio do 2009 Marcus Fernández

A finais de xuño chegará ás tendas un novo receptor de TDT de Energy Sistem, que destacará principalmente por 2 detalles: permitir a gravación da programación televisiva (nun disco duro externo ou nunha memoria USB) e contar con saída HDMI (para conectalo a un televisor de alta definición).
O Energy T6560 HDMI sintoniza o sinal da Televisión Dixital Terrestre, e permite o seu reescalado ata 1.080i para que se poida ver con calidade en televisores de alta definición (aínda que non soporta a TDT de alta definición). Amais, tamén ten un porto USB que serve para a reprodución de vídeo (en DivX, Xvid, AVI e MPEG), audio (MP3 e WMA) e imaxes (JPEG, BMP e GIF) e para a gravación en MPEG-2 do sinal recibido a través da TDT. Convértese así nun económico gravador de vídeo dixital que resulta moi versátil xa que os programas gravados a través de USB logo poderían copiarse a un PC comodamente. Tampouco lle falta a función de Time-Shift (para pausar e reanudar a reprodución televisiva cando se desexe).
O prezo de venda deste receptor de TDT é de só 44,90 euros (IVE incluído), o que supón un incremento de só 5 euros con respecto do seu modelo anterior sen saída HDMI, polo que parece unha compra bastante atinada para usuarios que desexen gravar contidos da TDT ou incluso que queiran aproveitar un monitor de ordenador con HDMI para a recepción televisiva.

PUBLICIDADE