O Edificio Quercus acolle o 30 de maio o I Foro APD sobre Tecnoloxía e Negocio

mércores, 25 de maio do 2022 S. P.

A Asociación para o Progreso da Dirección (APD), en colaboración co Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG), organiza o vindeiro 30 de maio un evento de interese sobre o papel que xogarán as TIC nas empresas a curto, medio e longo prazo. Trátase do I Foro sobre Tecnoloxía e Negocio, que se celebra en Santiago (no Edificio Quercus do Parque Empresarial Costa Vella, en horario de 9.30 a 13.45 horas) co obxectivo de abordar os novos desafíos aos que se enfrontan as organizacións coas novas ferramentas como vehículo impulsor da súa expoñencialidade.
Sobre a xornada
A respecto das cuestións que se van abordar na cita, a APD lembra que tecnoloxía “deixou de ser un complemento nas empresas para converterse nun dos elementos máis importantes da nosa organización”. En consecuencia, unha empresa que queira crecer de maneira exponencial debe comprender a potencialidade do uso destas novas ferramentas disruptivas (desde a Intelixencia Artificial á cadea de bloques, pasando pola análise de información masiva, o chamado Big Data, ou as ferramentas inmersivas), complementando a estratexia directiva. En consecuencia, o gran obxectivo do I Foro APD de Tecnoloxía e Negocio é abordar estes novos desafíos, achegando luz sobre as macrotendencias que virán e onde se abordará a tecnoloxía como vehículo impulsor da expoñencialidade das organizacións.
Os relatores
Participarán Luis Álvarez-Sestelo, director executivo da firma galega Optare, Pablo Briesca, director xeral da Fundación CTIC, Antonio Couceiro, presidente da Fundación ITG, José Rodríguez Fernández, director comercial e de Marketing de ASM Soft, Mar Pereira, directora da axencia autonómica AMTEGA, Dora Casal, directora executiva de Roberto Verino, Rubén Tubío, responsábel de PMO de Dinahosting, Ana Sánchez Álvarez, directora de APD Zona Noroeste, Luis Pérez Freire, director xeral do Centro Tecnolóxico Gradiant, Marcos Suárez Corral, director de I+D de Qbitia, Román Martínez Quiñones, director de Industrialización de Nueva Pescanova, Santiago Márquez Solís, CTO de Nexplore e Alfredo Castro Moral, director xeral de Serviguide Tech.

PUBLICIDADE