O Dicionario en liña da RAG achega buscas avanzadas por categoría gramatical

venres, 31 de marzo do 2017 Redacción

O Dicionario en liña da RAG (Real Academia Galega) vén de estrear unha nova funcionalidade dirixida a ampliar e optimizar as procuras de termos. Trátase dunha ferramenta que permite a busca avanzada por categoría gramatical. Segundo conta a RAG a respecto destes cambios, o Dicionario en liña contaba até o de agora cun recurso para buscas avanzadas que facía posíbel escollermos entradas en función da secuencia de caracteres con que “comezan” e/ou “rematan”, das voces empregadas nas definicións e/ou nos exemplos e mais do tecnolecto ao que pertence a palabra. Porén, sinala a academia, “dende este intre será posíbel tamén buscar os termos en relación á súa categoría gramatical, podendo elixir entre as clases de palabra que sinalan a maioría das gramáticas xerais”.
Estes tipos son: adverbio, adxectivo, artigo, contracción, conxunción, demostrativo, exclamación, indefinido, interrogativo, interxección, locución, numeral, participio, posesivo, preposición, pronome, relativo, substantivo e verbo.
A RAG tamén explica que con estas melloras poderemos concretar o xénero (masculino ou feminino) para as palabras con variación (substantivos e adxectivos) e mais outras especificacións categoriais (como o tipo de locución) ou sintácticas (por exemplo, a predicación no caso dos verbos). Polo que atinxe ás/aos destinatarias/os destes cambios, a entidade galega sinala que a devandita utilidade está “especificamente dirixida aos lingüistas e determinados sectores profesionais, como o da tradución por exemplo, desde onde partiu a demanda de poder seleccionar as entradas por categoría”.
Por certo que a busca por paradigmas gramaticais fornécese en fase de probas a través da web DicionarioLab para que “toda a xente teña a oportunidade de comprobar o funcionamento e emitir a súa opinión, ou tamén facer os comentarios e achegas que desexe”.
A esta funcionalidade nova cómpre engadir o engadido ao Dicionario da busca dos lemas en feminino, engadido que está xa plenamente activo (foi anunciado o pasado 8 de marzo, ao abeiro do DiccionarioLab, e respondeu, en palabras da RAG, ás continuas demandas da comunidade internauta galega, que viñan anos reclamando esta iniciativa a prol da igualdade, “comezando polo plano lingüístico”).

PUBLICIDADE