O Diario Cultural da Radio Galega estrea páxina web

xoves, 8 de novembro do 2018 Marcus Fernández

O pasado luns a Radio Galega presentaba a súa nova face na web, potenciando os contidos sonoros e axilizando a súa navegación, adiantando que antes de rematar o mes o programa Diario Cultural estrearía canle dixital, o que non se fixo esperar moito, xa que por fin a temos aquí, baixo un nome de dominio de seu para converterse nun escaparate da cultura galega a través de pezas sonoras e de vídeo.
A nova páxina web do Diario Cultural da Radio Galega recolle as gravacións do espazo radiofónico ás que podemos subscribirnos en formato podcast, recolle unha selección cos contidos máis interesantes dos últimos días, permite consultar as intervencións das voces expertas coas que contan (como Alba Cid, Rosario Sarmiento, Carlos Portela, Miguelanxo Prado, Armando Requeixo, Beli Martínez, Tito Lesende, Montse Pena Presas ou Carlos Ares) e tamén integra a súa canle de Youtube.
Lembremos que nesta nova tempada da Radio Galega o Diario Cultural pasou de ser un programa diario de luns a venres a converterse nun espazo fragmentado a 4 distintas horas de luns a venres e con 3 espazos repartidos ao longo da fin de semana, polo que esta nova páxina web é un bo xeito para cohesionar todos estes contidos dispersos, dándolles unha identidade dixital dentro da estratexia #Cultura365 da Radio Galega e facendo máis doado o seu consumo por parte da audiencia.

JPEG - 51.9 KB
Imaxe promocional da nova canle dixital do Diario Cultural

PUBLICIDADE