O Dereito e as TIC centran un curso do Consello da Avogacía Galega

mércores, 7 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

O Consello da Avogacía Galega vai organizar ao remate do verán unha actividade formativa sobre a cada vez máis ampla confluencia entre as TIC e o ámbito xudicial, legal e policial: unha confluencia que tamén abre un máis que interesante nicho de actividade profesional. O Curso de Dereito das Novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación ten o obxectivo de abordar, “de maneira clara e sistemática”, pero, sobre todo, “dunha forma completa e rigorosa”, as principais cuestións ligadas ao Dereito e as TIC coas que “un xurista pode atoparse no desenvolvemento da súa actividade profesional”, en palabras do Consello.
Ao finalizar o curso, os profesionais que o superen terán un coñecemento xeral e completo do Dereito internacional, comunitario e nacional sobre as principais cuestións relativas a este ámbito e a súa relación cada vez máis estreita co dixital.
A actividade formativa está coordinada por José María Lozoya Pérez, avogado especializado en Dereito das TIC e protección de datos, e Vicente Gómez Loureda, delegado de protección de datos certificado.
O curso desenvolverase en liña e terá unha duración de cen horas. Está dirixido tanto para colexiados/as exercentes coma non exercentes e alumnos/as do Máster da Avogacía. O prazo de matrícula remata o 30 de setembro. A inscrición deberá facerse en http://avogacia.gal/formacion. O servizo de titoría estará dispoñíbel a partir do 2 de setembro. Este curso está organizado polo Consello da Avogacía Galega, en colaboración cos Colexios de Avogados de Galicia e Thomson Reuters Aranzadi.

PUBLICIDADE