O DJI Mavic Mini podería pesar menos de 250 gramos

luns, 28 de outubro do 2019 Marcus Fernández

O mercado dos drons ofrece cada vez máis produtos, pero nos últimos anos topou numerosos problemas normativos, de xeito que moitos dispositivos teñen problemas para comercializarse ante os atrancos para utilizalos, que practicamente impiden o seu uso en ámbitos urbanos, preto doutras persoas e, basicamente, na meirande parte de situacións nas que as filmacións de vídeo con drons sería desexable. Pero DJI leva tempo avanzando na miniaturización dos drons, e co seu DJI Spark hai un par de anos conseguiu levar a súa tecnoloxía a un produto de 300 gramos de peso, ou sexa, só 50 gramos por enriba do que sería considerado un xoguete, que libraría das limitacións regulatorias, de aí que dende entón haxa rumores sobre un posible DJI Spark 2 que cumpriría os soños dos afeccionados aos drons ao poder empregarse cunha maior liberdade.
Pero dos rumores dun posible DJI Spark 2 chegamos ás filtracións dun posible DJI Mavic Mini, que aparece na tenda canadense Newegg a un prezo de 646,15 dólares canadenses (446 euros) no seu modelo Fly More (con batería adicional) e que, aparte de contar cunha cámara 2,7K e unha autonomía de 30 minutos, pesaría só 249 gramos, de xeito que en boas condicións meteorolóxicas e con certas medidas de seguridade, podería empregarse incluso para voar sobre edificios e persoas a unha altura máxima de 20 metros sen ter que ter ningún tipo de certificacións (aínda que recomendándose a contratación dun seguro de responsabilidade civil, xa que o piloto tería que facer persoalmente cargo de posibles danos provocados polo accidentes do vehículo voador).
Este límite de peso está fixado en practicamente todo o mundo, polo que o lanzamento dun dron de DJI por debaixo dos 250 gramos podería revitalizar o mercado dos drons, especialmente en países nos que case quedou erradicado o uso de drons para usuarios non profesionais, e o feito de que se estean a filtrar cada vez máis imaxes do DJI Mavic Mini dá a entender que a súa presentación pode ser inminente.
Un detalle a salientar sobre o futuro dron é que a súa cámara non ten resolución 4K, o que semella unha limitación artificial, para que o dron máis pequeno non estrague as vendas dos seus irmáns maiores.

PUBLICIDADE