O Couto acolle a presentación dunha tecnoloxía de Orange, Ericsson e Cinfo que revoluciona as retransmisións deportivas

venres, 20 de maio do 2022 S. P.

Ourense acolleu este venres 20 de maio pola mañá unha experiencia de uso do 5G que marcou o camiño que seguirán as retransmisións deportivas do futuro. A actividade levouse a cabo no Estadio do Couto. A tecnoloxía probada foi despregada pola operadora Orange, o fabricante Ericsson e a empresa galega de sistemas audiovisuais de Intelixencia Artificial Cinfo. O sistema resultante, a disposición da TVG, serviu para explorar todas as posíbeis aplicacións de capacidade da rede 5G na retransmisión de eventos deportivos. O proxecto forma parte dos pilotos que impulsa a operadora na nosa terra botando man do novo estándar móbil.
Para dar forma ao sistema despregouse nova cobertura 5G na área do estadio ourensán mediante a instalación dun nodo 5G (gNodeB), co-localizado cun nodo LTE (eNodeB) que presta servizo nesta área. Ademais desta despregadura, situáronse 9 cámaras manexadas mediante Intelixencia Artificial polo sistema de produción automático e remoto Tiivii de Cinfo. Segundo fixo saber Orange, “este piloto pon de relevo os beneficios deste tipo de proxectos para reducir custos de produción, apoiar ao deporte local (creando un novo modelo de obtención de ingresos), diminuír o tempo de reacción ante un evento na instalación conectada e achegar a posibilidade de crear outros servizos co mesmo investimento, tanto para o emisor como para o propietario e usuarios da instalación”.
Na experiencia mostráronse novas capacidades de realización usando a rede 5G, por exemplo as capacidades da rede para facer capturas 8K, para o uso da nube ou para a realización remota e/ou automática desde instalacións do radiodifusor / híbrida (instalacións do radiodifusor e OTT).
A demostración contou coa asistencia de Mario Guede, concelleira de Deportes do Concello de Ourense; Fernando Suárez Lorenzo, director da área de Transparencia e Goberno Aberto na Deputación de Ourense; Mauro Fernández, da área de Administración Dixital de AMTEGA; e Francisco Javier García Vieira, director de Servizos Públicos Dixitais en Red.es.
No evento participou tamén Sara González Otero, directora de división da área de Soporte Tecnolóxico e Medios da Corporación Radio e Televisión de Galicia; persoal do Estadio do Couto e máis representantes das empresas desenvolvedoras do proxecto: Óscar Aragón, director territorial de Relacións Institucionais de Orange, xunto a Jesús Costoya e Antonio Rodicio, responsábeis de Grandes Contas e de Rede da operadora na zona norte; e Antonio Rodríguez del Corral e Héctor Parra, director executivo e responsábel de mercadotecnia de Cinfo, respectivamente.
Durante o evento, Sara González Otero, de CRTVG, comentou que “a Corporación de Radio e Televisión de Galicia aposta pola innovación e as novas tecnoloxías a través da colaboración con empresas e institucións tecnolóxicas e proxectos coma este. A tecnoloxía 5G, aplicada ao eido audiovisual, entre outras cousas, proporciona unha alta fiabilidade das retransmisións, mellora a calidade de imaxe aumentando o largo de banda e reduce os atrasos”.
Óscar Aragón, en representación de Orange, puxo de relevo “o importante esforzo” que operadores como Orange están a levar a cabo para levar a tecnoloxía 5G a todos os territorios, para que empresas e cidadáns poidan tirar proveito das súas grandes vantaxes. "Con todo, aínda máis importante é a implicación de todos
- administración, empresas, centros de investigación, etc.- para explorar as funcionalidades que pode ter a 5G en ámbitos tan diversos, como o que hoxe podemos ver aquí, no campo audiovisual”, dixo, engadindo que “non podemos deixar de aproveitar as oportunidades que a dixitalización e a 5G poñen ao noso alcance en termos de desenvolvemento, progreso e futuro sustentábel”.
Finalmente, o presidente e director executivo de Cinfo, Antonio Rodríguez Del Corral, presentou o proxecto como “un paso máis cara a unha futura plataforma audiovisual do deporte, o proxecto de Cinfo desde a súa creación”. E engadiu: “Grazas á aposta de Red.es, de Orange e de TVG púidose probar un caso de uso de alto nivel, con 10 cámaras funcionando a través de 5G, captura 8K, Intelixencia Artificial, gráficos avanzados e integración cun radiodifusor de primeiro nivel”. Rodríguez Del Corral tamén dixo que a tecnoloxía de Tiivii de Cinfo “xa está completamente preparada para soportar eventos de fútbol de alta calidade nas categorías non profesionais, ademais de todos os deportes de pista”. Cinfo ademais xa ten dispoñíbel a integración automática da produción dos eventos coa visualización dos mesmos en aplicacións móbiles e Smart TV.
Este proxecto enmárcase no Plan Nacional 5G, o programa para o desenvolvemento de proxectos piloto de tecnoloxía 5G que executa Red.es, impulsado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e co-financiado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e a través da UTE formada por Cinfo, Orange, Gammera Nest e Optare Solutions.

PUBLICIDADE