O Consello da Unión Europea aproba a nova Directiva do Copyright

luns, 15 de abril do 2019 Marcus Fernández

O mes pasado o Parlamento Europeo votou a favor da reforma da Directiva do Copyright, pese ao grande rexeitamento social e empresarial ao texto, que forzará a que no territorio europeo se implanten medidas que protexerán os dereitos de explotación da propiedade intelectual dun xeito que podería limitar drasticamente o acceso aos contidos dende a Unión Europea, e hoxe o Consello da Unión Europea ratificou a mencionada directiva, de xeito que agora queda que cada un dos estados membros transpoña o texto ás súas respectivas lexislacións, para o que teñen un prazo de 2 anos.
Remata así un longo e difícil proceso lexislativo que buscaba axustar as normas do copyright ao novo contorno dixital, pero que inclúe artigos moi polémicos entre os que destaca o que obriga ás grandes plataformas de contidos a establecer filtros que impidan compartir contidos protexidos, trasladando a responsabilidade da violación do copyright ás plataformas que até o momento considerábanse meros intermediarios, e que ante o risco de ter que asumir fortes sancións poderían optar a bloqueos preventivos moi importantes, facendo que os cidadáns europeos vaiamos padecer os efectos de barreiras tanto para a publicación como para o consumo de contidos en liña.
Lembremos que actualmente xa hai moitas publicacións estranxeiras que bloquean o acceso dende Europa como solución para non ter que adaptar os seus sistemas ao noso Regulamento Xeral de Protección de Datos, algo que si fixeron plataformas como Facebook, YouTube ou Instagram, que ante o novo marco poderían optar por unha prudencia excesiva, de xeito que Europa padecería unha censura previa provocada pola dificultade de diferenciar os casos nos que os contidos protexidos poden compartirse (por exemplo, detectar cando un contido é parodia, caso no que si podería compartirse libremente).

PUBLICIDADE