O Consello da Cultura dixitalizará A Nosa Terra

xoves, 19 de xullo do 2018 Redacción

O Consello da Cultura Galega dixitalizará o semanario A Nosa Terra, unha das nosas máis históricas e senlleiras publicacións, de gran relevancia para achegarnos historicamente aos tempos da transición e ás orixes da autonomía galega. Os traballos previstos, que contribuirán a un coñecemento maior da revista, e tamén á súa preservación, foron dados a coñecer hoxe pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e polo escritor, xornalista e presidente da Fundación A Nosa Terra, Afonso Eiré.
O acordo entre as dúas entidades prevé a cesión provisional do fondo da Fundación A Nosa Terra para a dixitalización e a súa posta a disposición pública e de balde a través do web do Consello da Cultura Galega, consellodacultura.gal.
Segundo explicaron na xuntanza de hoxe, o semanario A Nosa Terra: periódico galego semanal iniciou a súa andaina o dous de decembro de 1977 e rematou en 2011, “cubrindo cun estilo xornalístico singular a actualidade política, económica, social e cultural de Galicia a través de contidos de longo alento”.
Para Rosario Álvarez, presidenta do CCG, “o noso pasado máis recente é unha parte moi importante do patrimonio cultural. A produción xornalística das últimas décadas e acompañou á Autonomía é un patrimonio que podemos conservar e preservar. Non só para os investigadores actuais senón tamén para xeracións futuras”.
Segundo Alfonso Eiré, presidente da Fundación A nosa terra, “o semanario supuxo un xeito novo de facer xornalismo e tratar temas que ata o momento eran marxinais na prensa, coma os sociais, o ecoloxismo, o feminismo, o traballo ou os deportes”. Segundo engadiu, “neste período prodúcense moitos cambios sociais e políticos e cuestións que continúan ata hoxe, como a recuperación da memoria histórica”.
Os fondos iranse incorporando de maneira gradual na web do CCG. Segundo informaron Álvarez e Eiré, están xa dispoñíbeis para a súa consulta os primeiros 26 números.

PUBLICIDADE