O Consello da Cultura Galega renova o seu portal de divulgación Culturagalega.gal

venres, 6 de febreiro do 2026 S. P.

Este sábado, 7 de febreiro, coincidindo co Día dos Medios en Galego (efeméride que conmemora o día, hai 150 anos, en que apareceu o primeiro número de O Tío Marcos d’a Portela, cabeceira pioneira dos medios en galego) o Consello da Cultura Galega (CCG) presentou a faciana remodelada de Culturagalega.gal, o seu portal de divulgación cultural. Estamos ante un redeseño visual e novas funcionalidades para o portal cultural máis lonxevo en lingua galega, que conta a día de hoxe con 36.000 noticias, segundo lembra o CCG.
Orixes
O 10 de outubro de 2000, por iniciativa de Carlos Casares, presidente da institución naquel momento, presentouse ao público Culturagalega.org, unha cabeceira dirixida por Manuel Gago, coa intención de “poñer a cultura galega no mundo na era na que agromaba Internet”.
Dende aquela, o portal mantivo a súa frecuencia de actualización e ofrece información en profundidade, sumando máis de 36.000 noticias.
Nestes vinte e cinco anos, o portal mudou ao dominio .gal e renovouse en dúas ocasións para adaptarse á evolución da tecnoloxía e aos novos hábitos e usos sociais.
O CCG explica a maiores que “este redeseño forma parte da estratexia dixital da institución que, perante a tendencia actual de consumos cada vez máis segmentados, pon na rede ferramentas que contribúen a preservar o espazo común da cultura galega e a dar a coñecer máis iniciativas para expandir os públicos da cultura galega”.
Con este novo redeseño, a plataforma evoluciona para “funcionar como centro de recursos, reorganizando máis de 36.000 noticias para permitir buscas rápidas, filtrado por persoas, entidades, temas e tempo, e visualización previa dos contidos”, engade o Consello, salientando a incorporación de ferramentas como o sistema de busca instantánea, o módulo Universo para relacionar noticias, etiquetas, persoas e entidades, a personalización de intereses e a aprendizaxe do sistema a partir do uso.
Amais, mellórase a visualización das reportaxes e a posibilidade de gardalas. Créase a área Bule-Bule para centralizar información sobre exposicións, estreas, discos e revistas culturais. O sitio adáptase ao consumo móbil e reforza unha visión global da cultura galega no presente e no pasado recente.